Lugo, 3 de marzo de 2023. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo solicitou á Xunta de Galiza autorización para realizar traballos de estabilización e consolidación na Torre de Caldaloba, en Cospeito.
Atendendo ao deber legal que lle atribúe a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que obriga aos titulares de dereitos sobre bens protexidos a evitar a súa destrución ou deterioro, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo elaborou o proxecto para intervir nas fachadas Noroeste e Suroeste da Torre, que debe contar coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “o proxecto contempla as actuacións máis urxentes para conter o deterioro da Torre e garantir a seguridade na contorna”. Nese sentido lembrou que “ademais do mal estado dos elementos construtivos e auxiliares de substentación, a carón da fachada principal hai un pozo que precisa dunha protección adecuada” e pediu á Xunta de Galicia “que estude o proxecto coa máxima axilidade posible para que desde a Deputación de Lugo se poidan licitar e levar a cabo os traballos”.
Maite Ferreiro explicou que “con estas intervencións seguimos adiante coa folla de ruta prevista para acadar a titularidade pública da totalidade da Torre e desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e posta en valor que reflicta a súa importancia patrimonial, histórica e simbólica para Galiza”.
O proxecto, que foi comunicado á Xunta de Galicia o pasado 23 de febreiro e que conta cun orzamento base de licitación de 41.200 euros, recolle diferentes actuacións sobre as fachadas Noroeste e Suroeste da Torre do antigo castelo de Vilaxoán:
– Limpeza de vexetación nas dúas fachadas e na coroación dos muros de cachotería mediante a retirada manual de plantas e raíces.
– Substitución e reparación dos elementos de cimbra de madeira do interior da Torre.
– Recolocación ou substitución da cuberta de chumbo instalada en 1998.
– Inxección de morteiro de cal sobre muros e fábricas de ser necesario.
A Deputación de Lugo é propietaria dunha das parcelas nas que se ubica a Torre, unhas dúas hectáreas de terreo que inclúen a metade da edificación -53 metros cadrados de planta e as fachadas noroeste e suroeste- e o sistema de fosos e contrafosos defensivos do perímetro da edificación.
Trátase dunha parcela adquirida pola institución provincial a través dun acordo de Xunta de Goberno tomado o 29 de xullo e ratificado coa inscrición da compra e venda en documento público o pasado 21 de outubro.