A área de Cultura destina 300.000 euros á iniciativa, que incluirá actuacións de música, danza, maxia, circo e obradoiros
Lugo, 24 de marzo de 2023. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha o programa Xunt@s polo serán, unha iniciativa de natureza cultural e festiva que servirá de paraugas para articular unha axenda de actuacións de música, danza, maxia, circo e obradoiros polos diferentes concellos e comarcas, contribuíndo a ampliar a actividade cultural en todo o territorio.
A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro explicou que “desde a área de Cultura reforzamos a aposta por levar actividades culturais e lúdicas a todo o territorio, con este novo programa que incluirá diferentes disciplinas artísticas e que pretende ser un apoio ao traballo de concellos e asociacións culturais”.
Como facemos con outras programacións, coma o Tradigalu, de música tradicional, ou os circuítos de teatro, traballaremos con concellos e colectivos para que estas actuacións cheguen a todo o público e se convirtan en actos participados, que conecten á veciñanza e poñan en valor a capacidade creativa de grupos e artistas de todas as disciplinas”.
O programa, que se aprobou este venres na Xunta de Goberno, contará cun investimento de 300.000 euros.
Premio Otero Pedrayo 2023
Maite Ferreiro anunciou tamén que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizará este ano o Premio Otero Pedrayo, que recoñece persoas e entidades que contribuíron de forma destacada á cultura galega.
As deputacións provinciais, que instituíron o premio en 1977, ocúpanse de xeito rotatorio da organización do procedemento de elección e tamén da gala na que se entrega o galardón, dotado cun premio de 16.000 euros.
Nos vindeiros días publicaranse as bases da convocatoria e abrirase o prazo para a prsentación de candidaturas. O último premio, en 2002, recibiuno o investigador e xenetista Ángel Carracedo.