Celebrou as medidas aprobadas no plano laboral, así como para dar resposta á diversidade das mulleres, e apelou a estas políticas para contribuír a unha Europa feminista
Isabel Rodríguez fixo referencia á violencia contra as mulleres e ás diferentes iniciativas lexislativas impulsadas polo Goberno para ofrecer recursos a todas as vítimas das violencias machistas. Así, destacou a Lei de garantía integral da liberdade sexual que vai supoñer o despregamento por todo o territorio de centros de crises 24 horas con servizos de asistencia psicolóxica, xurídica e social que van permitir acompañar ás vítima; o Plan Camiño, o primeiro plan de inserción para mulleres vítimas de trata e explotación sexual, dotado con máis de 200 millóns de euros; ou o reforzo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, cunha partida histórica que chega aos 320 millóns de euros.
Así mesmo, a subdelegada celebrou as medidas aprobadas no plano laboral polo Executivo Central como a subida do SMI, o recoñecemento dos dereitos laborais das traballadoras do fogar, a aprobación da igualdade retributiva, así como da redución dos contratos temporais e a precariedade provocada pola reforma laboral.
Igualmente, puxo en valor a resposta decidida do Goberno para atender a diversidade das mulleres e as súas necesidades e contextos. Deste xeito, lembrou que as mulleres con discapacidade viron por fin materializarse en España unha reivindicación histórica coa eliminación das esterilizacións forzosas; aprobouse a Lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, que blinda o aborto libre, seguro e gratuíto; e recoñeceuse o dereito á autodeterminación de xénero para as persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.
Por último, a subdelegada apelou a estas políticas feministas para contribuír tamén a unha Europa feminista como unha casa común de dereitos e liberdades.