Burela, sábado 25 de marzo. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña organiza este sábado unha palestra sobre coidados paliativos en Burela.
A actividade será ás 12 horas no centro social Xebra! e contará con Carlos Fernández Fraga, destacado médico de familia no centro de saúde da vila e recentemente xubilado. O doutor será presentado pola voceira da plataforma, Montse Porteiro, e compartirá a súa experiencia logo de 45 anos como médico na Mariña.
Fraga, moi coñecido na vila polo seu trato humano e competencia profesional, especializouse en coidados paliativos ante as altas cotas de doenzas crónicas que trataba diariamente. No seu currículo destaca o seu cargo como coordinador de coidados paliativos para o Sergas, amais da presidencia da Sociedade Galega de Coidados Paliativos, até 2016.
Despois do encontro, o centro social que acolle o coloquio ofrecerá a poñentes e asistentes un menú de callos a prezos populares (10 euros) no propio local. Haberá opción vegana e será preciso reservar previamente cunha mensaxe a xebraburela@gmail.com.