O proxecto, que está en fase de licitación, contempla a limpeza das cunetas, o sistema de drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización con marcas reflexivas brancas desta vía, moi empregada pola veciñanza tanto deste concello como dos municipios da contorna
Lugo, 22 de marzo de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou en Lourenzá que a institución provincial vai arranxar a estrada provincial LU-P-2801 na parroquia de San Adriano cun investimento de 185.000€. O mandatario provincial explicoulle á Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, a concelleiros e concelleiras e á veciñanza coa que se reuniu nesta parroquia, que o proxecto está en fase de licitación, é dicir, as empresas están presentando as súas propostas para executar os traballos.
Esta estrada provincial é a que comunica San Adriano, en Lourenzá, con Augaxosa, en Riotorto. Tomé Roca detallou que con este proxecto se dá resposta a unha petición feita pola Alcaldesa, trasladándolle á Deputación a necesidade de acometer estes traballos nesta vía provincial que dá servizo a centos de veciños e veciñas, tanto das parroquias de Lourenzá como de Riotorto.
Os traballos van consistir na limpeza dos laterais da estrada e vanse facer as actuacións necesarias para ter un bo sistema de drenaxe co fin de garantir unha boa evacuación de augas cando chova. Unha vez rematadas estas tarefas, procederase a aglomerar en quente co obxectivo de dotar dun novo pavimento a estrada. Logo, poranse as arquetas e sumidoiros e remataranse os traballos coa sinalización horizontal, pintando con marcas reflexivas brancas. O prazo de execución das obras é de 2 meses, unha vez iniciadas.
Máis de 2M€ en Lourenzá
A Deputación de Lugo investiu en Lourenzá máis de 2M€ nos últimos catro anos, unha colaboración económica co Concello que permitiu moi diversas actuacións en beneficio da veciñanza, como a mellora das infraestruturas, de estradas e tamén na creación de emprego, o mantemento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e actividades deportivas. Ademais, a institución provincial colabora co Concello para a organización do programa de actos das Letras Galegas, que este ano homenaxea ao laurentino Francisco Fernández del Riego.