Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inaugura a terceira edición do Coñece a túa provincia con preto de 1.800 viaxeiros de 80 asociacións

Preto de 5.000 persoas de máis de 220 colectivos lucenses xa se beneficiaron nas dúas primeiras tempadas desta iniciativa implantada pola Deputación co obxectivo de que a veciñanza coñeza mellor a riqueza patrimonial da provincia e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio

Lugo, 29 de marzo de 2022. A Deputación de Lugo arrancou este mércores a terceira edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia. Esta tempada, que se repartirá en dúas quendas, a primeira dende marzo ata o 16 de xuño e a segunda en outono, mantéñense as 37 rutas polo territorio lucense. En total, na primeira quenda desta edición, participan preto de 1.800 viaxeiros de 80 entidades da provincia.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, foron os encargados de dar a benvida ás primeiras entidades participantes este ano: a Asociación de Veciños de Cumbraos, de Monterroso, e a Asociación de Viúvas Julia Minguillón, de Lugo. Os ulloáns visitaron o Pazo de San Marcos e achegáronse á comarca de Sarria, mentes que o colectivo lucense coñeceu o traballo que realiza a Produtora de Audiovisuais e o patrimonio de Lourenzá e Mondoñedo.

García Porto destacou que a institución provincial volve con este programa gratuíto “ante o enorme éxito que tiveron as dúas edicións anteriores, nas que participaron preto de 5.000 persoas de máis de 220 colectivos da provincia de Lugo”. Esta iniciativa está dirixida a asociacións e colectivos sen ánimo de lucro de toda a provincia e consiste en viaxes gratuítas, en pequenos grupos, dunha xornada de duración por diferentes puntos da xeografía lucense seguindo diversas rutas polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico.

“Esta é unha das medidas que puxemos en marcha neste mandato co obxectivo de que a veciñanza da provincia coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio”, subliñou a Deputada.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

Exit mobile version