García Porto sinalou que se trata dun evento “plenamente consolidado, un referente no seu ámbito que reflexa moi ben a capacidade que temos no noso rural para impulsar iniciativas que favorecen a actividade económica e social e que contribúen ó desenvolvemento da provincia”. Ademais dunha achega económica por importe de 8.000€, a institución provincial cede dúas xatas da Granxa Gayoso Castro como galardón para os gandeiros e gandeiras.
“Con citas como esta apoiamos ó rural e ó sector primario, unha das liñas de actuación prioritarias na nosa acción de Goberno. A MOEXMU favorece precisamente iso, visibilizar e impulsar a actividade do noso rural, e a actividade agrogandeira como un motor económico e social da nosa provincia”, apuntou a Deputada. Ademais, a súa celebración, cita xa obrigada para a veciñanza da provincia, beneficia a actividade do comercio, a hostalería e o turismo de pequenos desprazamentos polo que tamén aposta a institución provincial.
O recinto feiral Manuel Vila, de Cospeito, acollerá a MOEXMU o 31 de marzo, e o 1 e 2 de abril, onde terá lugar a 37ª edición do Concurso de Gando Frisón e a Exposición de Raza Rubia Galega, así como a 27ª Poxa de Gando Selecto. Tamén se poderá visitar unha exposición fotográfica sobre o porco celta cedida por ASOPORCEL.