Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación abriu as inscricións nas novas actividades gratuítas de lecer e educación ambiental nas reservas

A programación, que se desenvolverá entre abril e xuño, inclúe unha vintena de propostas con máis de 300 prazas para todos os públicos en Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, territorios xestionados pola institución provincial

Lugo, 29 de marzo de 2023. A Deputación de Lugo abre mañá o prazo de inscrición para participar no novo programa de actividades gratuítas que organiza para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental nas reservas da biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola institución provincial. O calendario inclúe unha vintena de propostas, con máis de 300 prazas para todos os públicos, que se desenvolverán no segundo trimestre do ano, dende o 3 de abril ao 30 de xuño.

Como inscribirse
As persoas interesadas deberán anotarse a través das canles dispoñibles. No caso de Terras do Miño, poden apuntarse a través do teléfono 982.305.930, o correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org e un espazo na web: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais. As persoas que desexen participar no programa dos Ancares Lucenses, poden anotarse a través do correo ancareslucenses@deputacionlugo.org e dos teléfonos 982.227.812 e 982.227.813.

Terras do Miño
A primeira actividade na Reserva de Terras do Miño celebrarase os días 3, 4, 5 e 10 de abril, e está pensada para os nenos e nenas de 6 a 12 anos. Naturalmente ao pé do río conta con 20 prazas e está prevista en horario de mañá: de 10 a 14 horas.

Do día 11 ao 14 de abril está programada o Cultivo de flores de primavera e verán e técnicas básicas de secado de flores con 15 prazas para adultos. Esta actividade desenvolverase en horario de mañá, entre as 10:00 e as 14:00 horas.

Tamén en abril, do día 25 ao 28, haberá outra actividade no Centro de Interpretación Terras do Miño pensada para os adultos: Obradoiro de Cestaría. Son 15 prazas e poderase desfrutar en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Xa en maio, do 2 ao 4, os adultos poderán aprender sobre Eclosión da natureza nas tarefas agrícolas: Traballos de primavera para optimizar as producións hortícolas, unha acción que se celebrará no Centro de Interpretación Terras do Miño de 10:00 a 14:00 horas. Haberá 15 prazas dispoñibles para as persoas interesadas.

Do 8 ao 12 de maio, realizarase a actividade Mobiliario para exteriores, en horario de mañá: de 10:00 a 14:00 horas. Esta actividade está pensada para os adultos e conta con 12 prazas.

Coincidindo co Día Mundial das Aves Migratorias, o 13 e 14 de maio, este programa inclúe unha actividade na Lagoa de Cospeito para adultos. O horario é de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Iniciación á encadernación xaponesa é o título da actividade que se levará a cabo o 16, 18, 23 e 25 de maio no Centro de Interpretación Terras do Miño. Está destinada aos adultos e terá lugar en horario de tarde, entre as 16:30 e as 19:30 horas. As prazas para esta proposta son 8.

No mes de xuño, coincidindo co Día da Bicicleta en Familia, o día 3, proponse unha actividade de 40 prazas para familias entre as 11:00 e as 13:30 horas. O día 5 dese mes os Xardíns da Deputación acollerán un concerto didáctico sobre sons da natureza. Esta actividade, que se celebrará as 18:00 horas ten un aforo de 25 prazas.

En xuño celébrase o día do Medio Ambiente e, con ese motivo, entre o 6 e o 10, está prevista unha actividade conmemorativa. Os primeiros días, terá lugar de 17:00 a 20:00 horas nos Xardíns da Deputación e o día 10, das 10:00 ás 14:00 horas, o Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá a iniciativa. Hai 15 prazas para os nenos e nenas que desexen participar.

Coñecer a contorna do Centro de Interpretación Terras do Miño é o obxectivo das últimas tres actividades do programa. Por unha banda, do 6 ao 8 de xuño abriranse 25 prazas para familias que desexen realizar unha ruta de 16:00 a 20:00 horas.

Do 19 ao 23 de xuño, seguindo coas actividades na natureza realizarase un taller de ioga aberto con 15 prazas para adultos, de 11:00 a 13:00 horas. Por último, 20 nenos e nenas poden participar en Xogando a coñecer a contorna de Terras do Miño. Esta proposta está organizada do 26 ao 30 de xuño en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Os Ancares Lucenses
Será o 15 de abril cando arranque o programa de actividades dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A primeira iniciativa será unha formación de apicultura ecolóxica os días 15 e 16 de abril para adultos na Casa Quindós, en Navia de Suarna. Conta con 15 prazas e celébrase o sábado en quenda de mañá e tarde e domingo en horario matinal.

A seguinte iniciativa, con 25 prazas, será a ruta A natureza na Vía Künig (tramo 03), unha proposta para familias que partirá da Casa do Concello de Becerreá. O 27 de maio realizarase, na antiga escola do Piornedo, en Cervantes, a actividade familiar Xeoloxía nos Ancares en horario de mañá e tarde. Esta proposta conta con 25 prazas.

Por último, e enfocado a nenos, levarase a cabo un Curso de Orientación na montaña, para o alumnado do CPI Cervantes o día 5 de xuño, e o Campamento científico do 26 ao 30 de xuño para nenos e nenas de 6 a 12 anos. A primeira actividade coincide co Día Mundial do Medio Ambiente e a segunda será no Centro Social de Becerreá e conta con 15 prazas. En ambos casos, desenvolveranse en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Exit mobile version