A paralización dos parques eólicos é urxente para evitar danos irreparábeis
Compostela, a 22 de marzo de 2023. Coincidindo coa data límite establecida pola normativa vixente para outorgar autorización previa aos proxectos eólicos promovidos en Galiza con declaración de impacto ambiental favorábel, a Coordinadora Eólica Así Non convoca o pobo galego a participar nunha nova mobilización masiva en Santiago de Compostela, o vindeiro 23 de abril. Esta mobilización chama aos galegos e galegas, ás plataformas de veciños e veciñas afectadas e a todo tipo de colectivos e entidades críticas co actual modelo depredador da enerxía eólica a rodear o edificio de San Caetano da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, para manifestar a súa repulsa aos 77 proxectos eólicos con declaración de impacto ambiental positiva, cuxa aprobación podería ser inminente.
Baixo o lema “Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa”, a mobilización pretende esixir ao executivo galego que denegue as autorizacións das ducias de macroparques eólicos aos que a Consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro. Estes 77 parques eólicos teñen de prazo límite ata o 25 de abril para poder acadar autorización previa administrativa por parte da Xunta, segundo o establecido polo Real Decreto-lei 23/2020, de 23 de xuño, polo que se aproban as medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
A mobilización do 23 de abril tamén demandará a inmediata paralización duns 150 expedientes eólicos que a Xunta de Galiza aínda mantén en tramitación. Desde a Coordinadora Eólica Así Non levamos máis de dous anos reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo, demandando unha moratoria, pero agora a paralización de todos os proxectos é máis necesaria que nunca. Cómpre restituír os dereitos de participación pública usurpados polas leis de depredación e simplificación que os gobernos galego e español teñen aprobado por vías exprés e antidemocráticas. E calquera desenvolvemento racional da enerxía eólica no país debe pasar antes polo debido cumprimento do imperativo legal de ampliar a Rede Natura galega e de preservar con garantías os hábitats e ecosistemas que son prioritarios para afrontármonos ao reto climático.
A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 colectivos galegos do eido ecoloxista, sindical, cultural, veciñal e comunidades de montes, advirte das dramáticas consecuencias que tería para o conxunto do país a aprobación desta enxurrada de máis de 75 macroproxectos eólicos, constituíndo en si mesma unha auténtica catástrofe ambiental e social sen precedentes, na que en especial o medio ambiente e o rural galegos ficarían dilapidados para sempre e en mans de multinacionais destrutoras do territorio. “Os galegos e galegas non podemos nin debemos tolerar este asalto a cara descuberta das grandes multinacionais especuladoras da enerxía, nin gobernos que, para favorecelas, poñen en risco o futuro de todo un país”.
Ante a negativa inxustificada do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de dialogar coa Coordinadora “Eólica Así Non” e a proximidade da debacle que suporá o aluvión de autorizacións de proxectos eólicos no vindeiro mes de abril, non nos queda máis alternativa que manifestarnos de novo nas rúas.
Así pois, urximos a sociedade galega a que o vindeiro domingo 23 de abril acuda a San Caetano, en Santiago de Compostela, ás 12 horas do mediodía para rodear a Xunta de Galiza e manifestarse con total rotundidade en contra do espolio eólico e enerxético do país, por unha planificación eólica ao servizo do pobo, pola restitución dos dereitos de participación social, polo cumprimento rigoroso das leis ambientais e pola denegación da autorización dos macroproxectos eólicos en tramitación. “Temos que conseguir que Xunta recapacite a tempo e evite a destrución irreparábel do país e poder seguir loitando por unha transición enerxética xusta e sostíbel que respecte a Galiza