Foz, 31 de marzo de 2023. A concelleira de Facenda en Foz, Inés López Couto, pídelle ao voceiro municipal do PP “menos mentiras e máis respecto” polas declaracións de Castiñeira sobre o pago de subvencións a asociacións.
Inés López explica que “no pleno de onte, xoves 30 de marzo, aprobouse (cos votos favorables do PSdG e do BNG) un suplemento de crédito por importe de 245.400 euros. Este suplemento inclúe varias necesidades e entre elas algo máis de 60.000 euros para subvencións de asociacións do concello de Foz. Estas subvencións, correspondentes ao exercicio 2021, levan algo máis de 6 meses de retraso na tramitación e non dous anos, como indica o señor Castiñeira, xa que o prazo para xustificalas rematou o 30 de xuño de 2022. E no caso das axudas de transporte correspóndense ao curso 2021-2022, que tamén finalizou o 30 de xuño”.
A edil de Facenda engade que “resulta de todo incrible que a oposición invente cantidades e conceptos que os técnicos lle explicaron no pleno, pero que parece que non lles interesa entender” e aclara que “en ningún caso o Concello pode adebedar 244.000 euros en subvencións a asociacións xa que no seu orzamento non hai semellante importe”.
“Non vamos consentir que se use o populismo, inventando calquera cousa con tal de saír á palestra. Pedimos máis respecto e menos mentiras, a oposición está para fiscalizar e non para inventar. Nós continuaremos traballando para mellorar todo aquilo que debe ser mellorado”, remata López Couto.