Bernal explica que coñece “de primeira man problemas, necesidades e asuntos pendentes que preocupan aos veciños de Burela como é a liquidación da Unidade de Actuación Torrentes”
Burela, 27 de marzo de 2023. O PP de Burela anuncia unha nova incorporación ao equipo que lidera Manuel Rouco de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Trátase de Encarna Bernal, “unha prestixiosa avogada que escolleu a nosa vila para vivir e traballar. É unha veciña consciente da realidade que estamos a vivir en Burela e que, polo tanto, aposta polo cambio”, segundo explica o alcaldable.
Encarna Bernal sinala que “pola miña profesión coñezo problemas e necesidades da xente de Burela e sei de primeira man que hai asuntos pendentes que preocupan aos veciños como, por exemplo, a liquidación da Unidade de Actuación Torrentes que, pese ao tempo transcorrido e unha sentenza xudicial firme pola que o Concello está obrigado a pagar o que lles debe, os afectados aínda seguen esperando que se lles dea unha solución definitiva”.
A popular asegura que “creo firmemente que é posible un cambio para Burela e que ese cambio se pode levar a cabo a través do proxecto do Partido Popular” e, polo tanto, comprométese a “traballar para fortalecer Burela”.
Bernal asegura que “é importante atraer inversión para axudar a crear postos de traballo, desenvolver Burela e crear riqueza no noso pobo”. Tamén engadiu “a necesidade de implantar medidas de apoio ás familias e ás mulleres para que podan conciliar a súa vida persoal e laboral; ilusionar aos mozos con novos proxectos pensados para eles e que os teñan en conta; ocuparnos das necesidades dos nosos maiores para que non se sintan esquecidos nin discriminados; apostar de cheo pola integración e a convivencia en tolerancia; por unha xestión eficaz da vida municipal e dos servizos públicos en beneficio dos veciños de Burela”.
Con Encarna Bernal e a recentemente anunciada incorporación de Maite Lanza, os populares suman dúas novas mulleres ao seu proxecto en Burela, “a única alternativa posible de cara ás eleccións municipais do 28 de maio”.