Viveiro, 23 de febreiro de 2023. O Concello de Viveiro acolleu hoxe a presentación da VI Concentración de Escolas de Rugby que terá lugar este sábado, día 25, no campo Marcos Gómez (O Cembedo).
A Escola Asterix A Chabola organiza a sexta edición deste encontro para as categorías M6, M8, M10 e M12 que conta un ano máis coa colaboración do concello.
“Dende o goberno local sempre fomentamos o deporte, en especial o deporte entre os máis cativos. Son moitas as veces que felicitamos á Escola Asterix A Chabola polos seus éxitos nas competicións, pero estamos moi orgullosos tamén polo seu labor na promoción do deporte de base”, subliña a alcaldesa María Loureiro.
A xornada desta VI Concentración de Escolas de Rugby prevé a disputa de encontros en catro zonas de xogo de forma simultánea entre as 11:00 e as 15:00 horas.
Ata Viveiro achegaranse as grandes canteiras do rugby galego representadas polo Club Rugby Fendetestas, Os Ingleses, CRAT A Coruña, Capóns Vilalba Rugby Club, Asociación Valentes, CD Zalaeta Rugby, Club Rugby Ferrol, Mareantes Rugby Club Pontevedra, Pontevedra RC, Vigo Rugby, Muralla RC Lugo e o Clube Rugby Coreti Lalín.
Pódese descargar o dossier da concentración de rugby no seguinte enlace: https://bit.ly/3knRCxz