Trabada, 13 de febreiro, 2023. Os profesionais desprazados ao punto nada máis ter constancia do accidente nada puideron facer por salvarlle a vida ao condutor e único ocupante do vehículo.
Pasaban dez minutos das oito da tarde de onte cando o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informaba ao 112 Galicia da saída dunha ambulancia para Trabada (Lugo), na estrada de Fornea, dirección San Cosme de Barreiros, para un accidente cun coche envorcado na cuneta e coa posibilidade de persoas atrapadas no seu interior.
De inmediato, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros, aos membros do GES e de Protección Civil da localidade e á Garda Civil de Tráfico, que xa tiñan constancia do suceso.
Unha vez no lugar dos feitos, os servizos sanitarios tan só puideron confirmar o falecemento do condutor e único ocupante do vehículo e que, segundo indicaron os Bombeiros de Barreiros, non foi preciso excarcerar.
Desde o 112 Galicia tamén se informou ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para prestar apoio e axuda aos familiares da vítima.