Viveiro, 21 Febreiro, 2023. Os Bombeiros de Viveiro empregaron a súa escada para sacar da embarcación ao implicado, que foi trasladado ao Hospital de Burela.
Pasaban dez minutos das 23 horas cando o 112 Galicia recibiu o aviso de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que solicitaba a colaboración doutros servizos de emerxencia para evacuar ao traballador. Este atopábase na sala de máquinas dun barco situado no peirao de Celeiro (en Viveiro), cando se lesionou nunha perna.
O 112 puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros e da Policía Nacional e Local de Viveiro, así como dos membros de Protección Civil do municipio.
Malia que o persoal sanitario foi quen de retirar a persoa da estancia na que se atopaba, os Bombeiros tiveron que facer uso da súa escada para subir á persoa da embarcación, tralo que sería trasladada ao Hospital de Burela.