O Grupo Municipal Popular de Ribadeo tamén pedirá explicacións no vindeiro pleno sobre os incumprimentos no campo de Oteiro na Devesa ou no polideportivo da rúa Alfredo Deaño
O coordinador de deportes do PP ribadense, Tito Suárez, sinala que “falabamos das promesas incumpridas deste goberno do BNG en relación ao campo de fútbol de Oteiro; pero non se quedan só aí. Prometeron investir no local que emprega o club de piragüismo, pero é outra promesa incumprida. Nin trazas nin intención de dar cumprimento a eses traballos. Prometen, prometen; pero ao final non fan nada. Todo queda niso: promesas”.
O popular pregunta, nese sentido, “por que o goberno do BNG non deixa que as propias entidades deportivas cubran as súas necesidades cando piden axudas a outra administración. Este goberno do BNG é coma o can do Hortelano, nin come nin deixa comer. Iso si: son rencorosos e malintencionados con aqueles que non lles bailan as gracias. Para iso si que están rápidos”.
“O noso grupo municipal levará todas estas cuestións ao vindeiro pleno” porque “seguiremos colaborando co deporte da nosa vila”, conclúe Tito Suárez.