Alumnado dos centros educativos de Burela participan durante este curso en dous talleres de sensibilización e prevención da violencia de xénero: “BEN QUERER. Taller de educación afectivo sexual” e “DESCONECTARSE DA VIOLENCIA: previndo a violencia no novo contexto dixital”.
O taller “BEN QUERER. Taller de educación afectivo sexual” levouse a cabo no primeiro trimestre do curso co alumnado de 1º da ESO dos centros educativos e tivo por obxectivo fomentar as relacións sexo-afectivas igualitarias. Durante as sesións fomentouse o recoñecemento e respecto dos límites persoais propios e alleos e proporcionóuselle ao alumnado os recursos necesarios para manter relacións afectivo-sexuais saudables, sen riscos, e libres de violencias e comportamentos sexistas.
Neste mes de febreiro, estase a impartir o taller “DESCONECTARSE DA VIOLENCIA: previndo a violencia no novo contexto dixital” co alumnado de 6º de educación primaria e de 1º da ESO. Trátase dun taller destinado a traballar o impacto das novas tecnoloxías no desenvolvemento de agresións machistas e de relacións de violencia de xénero entre a rapazada. Durante o desenvolvemento deste taller ponse o énfase na identificación de agresións sexistas na rede e de actitudes de control e dominio nas relacións sexo-afectivas. Continuarase con este taller tamén no mes de marzo.
O Concello de Burela, a través da súa Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información ás Mulleres, continúa co firme convencemento de que o sistema educativo é o recurso de socialización con maior viabilidade para materializar e garantir unha educación inclusiva e equitativa e libre de violencias.