Lugo, 8 de febreiro de 2023. Medio Rural da Deputación de Lugo colaborará co Concello de Ribadeo na mellora dos medios para limpeza e roza de pistas e parcelas de titularidade municipal.
A institución provincial financiará a compra dunha rozadora de brazo articulado para os tractores que realizan estas tarefas de mantemento destas infraestruturas, fundamentais para a mobilidade e o desenvolvemento de actividades agrogandeiras e forestais nas distintas parroquias.
A deputada Mónica Freire lembrou que “a limpeza das vías e parcelas municipais supón un importante esforzo para os concellos, tanto en persoal como en medios, polo que desde a área de Medio Rural tratamos de apoiar os investimentos necesarios para que estes traballos se fagan da forma máis eficiente e áxil posible, pola seguridade da circulación e como labor preventiva fronte aos incendios forestais”.
Medio Rural da Deputación de Lugo destina 40.000 euros a esta colaboración co Concello de Ribadeo, que só nas parroquias rurais conta con máis de 180 quilómetros de vías e camiños municipais.