Facendo un repaso, atopamos a guerra na Ucraína (entre a Ucraína e Rusia, lembramos) como a máis potente a nivel noticias mundo adiante. Mais non é a única que se libra con armas convencionais. De calquera xeito, hoxe as guerras que se fan con armas ‘de fogo’, con mortos que se poden fotografar cunha ferida de bala, e que se transmiten nos medios como guerra, son as menos. Pouco se fala da guerra a traverso da internet para conseguir dominar ó declarado como inimigo sen disparar un só tiro, por moito que de cando en vez aparezan titulares indicando que un ou outro país está detrás dun ataque ó funcionamento de determinada infraestrutura ou actividade dun terceiro, ou as guerras económicas, na procura da asfixia dalgún grupo por falta de financiamento ou por non permitirlle acceder a recursos, (aínda que produzan mortos que non son noticia) como o caso dos EEUU e Cuba, ou a guerra solapada agora mesmo coa de Ucraína e Rusia, co resultado secundario do acaparamento de gas por parte de Europa que asfixia a países do terceiro mundo. Aínda así, hai outros tipos de guerra, a máis deses, ao que parece…
Hai pouco, nun xornal asturiano, atopeime cunha carta ó director que titulaba ‘Morte ás empresas!’. Como o título me chamou a atención, pasei ó contido. E o contido, no que aparecía o goberno insípido desabrido inhóspito comunista terrorista de España, tróuxome á cabeza varios temas relacionados coa economía, a sociedade e o medio no que nos desenvolvemos. E si, nesa carta, aparecía tamén o termo ‘guerra’: “guerra contra as empresas”. As verbas aguantan todo, e isto tamén, case o mesmo día que outro empresario, tras unha referencia semellante contra o mesmo goberno, non se explicaba os beneficios récord que obtivo a súa empresa.
A carta-diatriba á que me refiro corresponde a un tipo de matonismo, e está inserta nun chamamento ó combate interno nunha sociedade: esa é unha chamada para a rotura, e que gane o máis forte, que resultará en xeral o que ten máis recursos de todo tipo. É a mesma táctica que se empregou de tempo inmemorial para machacar a un inocente designado contrario cando alguén se cre seguro e superior, pensando en que as ganancias posteriores superarán as (súas) perdas iniciais -por suposto, que os outros, perdedores, non podan dicir o mesmo, non importa-. Seguro, porque se non, non atacaría e superior, porque atacar a iguais non é ‘ético’. De aí que non sexa o común que os corruptos se ataquen os uns ós outros tomando como base a súa corrupción, sendo máis doado que cooperen nela. E de aí que, quen se sente seguro economicamente e superior por considerarse independente de estado e sociedade (como se as empresas viviran illadas dos clientes e non se beneficiaran das estruturas artelladas a través de entidades sociais) se de o gusto de desbarrar protexido en modo abuso mesmo fronte a entidades teoricamente poderosas como o goberno. E lembrar, sen defender todas as accións gobernamentais nin moito menos, que o goberno, debido a accións anteriores (e sobre todo, de gobernos anteriores) vese atado en moitas ocasións.
E é así que quen se cre seguro pode desenvolver unha sensibilidade ó agravio por outros, pero desentendéndose do sufrimento inflixido por el. Un ciclo que se dopa entre iguais, entre quen sente algo semellante e fai que o propio constrúa e constitúa un mundo aparte, onde o que conta son ‘eles’, e o resto, sinxelos ‘recursos’ ó seu servizo, recursos que teñen o poder e mesmo o deber de aproveitar ó seu favor, sexa auga, vento ou xente.
Unha nota final: está demostrado que toda guerra é mala… e que a aceptación dun resultado electoral depende da aceptación dos outros (como iguais).