O BNG apostar por un rural produtivo que por un monte ordenado e multifuncional que sería tamén o mellor antídoto contra os incendios
Santiago de Compostela, 11 de febreiro 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, participiou na xornada sobre xestión de territorio organizado polo BNG no concello das Neves, onde avanzou as principais propostas da formación para reverter o declive do medio rural, propostas que teñen como eixe central poñer o País a producir, o mellor antídoto contra o abandono e a despoboación.
Nese obxecto de revitalizar o rural, a líder do Bloque puxo sobre a mesa unha batería de medidas destinada a facilitar a implantación de proxectos económicos e o emprendemento, que inclúen tanto exencións fiscais como axudas directas.
“Temos que incentivar a actividade económica no medio rural facilitando a implantación de iniciativas empresariais e favorecendo o emprendemento”, destacou, para iso, o Bloque propón a creación do Tícket Rural, unha axuda de 15.000 euros/anuais durante cinco anos para facilitar o financiamento de proxectos con sede e domicilio fiscal en concellos do rural, medida que xa foi probada con éxito noutros territorios.
Igualmente, O BNG defende baixar as cotas as persoas autónomas no rural, “porque non é o mesmo emprender desde o centro dunha gran cidade que desde un pequeno concello do rural”, e tamén aposta por unha fiscalidade reducida no caso de empresas que se instalen en núcleos de menos de mil habitantes con menos de dez traballadores e unha facturación anual que non supere os 2 M€. euros.
Una panoplia de medidas, “enfocadas a fixar poboación facilitando a posta en marcha de proxectos que xeren riqueza e emprego no rural”. Pontón tamén entrou no detalle da proposta do Bloque para conseguir un rural produtivo e, por tanto, un territorio ordenado e coidado.
En primeiro lugar,hai que recuperar superficie agraria útil, tanto para producir alimentos para consumo humano como para consumo animal. “Porque é un disparate ter unha gran parte do territorio abandonado e despois importar case o 50% dos insumos que se precisan para a alimentación da gandería, e é unha irresponsabilidade renunciar a nosa soberanía alimentaria”, explicou, tras sinalar que apenas un 4%, fronte ao 25,5% de media no Estado.
“Hai que darlle a volta a esta tendencia, porque fronte a ese 4% de superficie para producir alimentos para consumo humano hai un 60% da superficie forestada, da cal, un 20% está ocupada polo eucalipto”. Con ese obxectivo de poñer o rural a producir, o Bloque defende un plan para mobilizar terra agrícola abandonada, 100.000 hectáreas en dez anos, e recuperar para uso agrario as terras ilegalmente forestadas.
Menos burocracia e máis I+D+i
Eliminar burocracia ou apostar pola investigación e a innovación tamén figuran entres as propostas nacionalista, “porque o rural do futuro tamén pasa pola I+D+i” e, nese sentido, aposta por desenvolver centros de apoio e acollemento, que presten un asesoramento integral adaptado ás necesidades do século XXI, en termos de formación, comunicación e promoción.
Finalmente, tratándose dunha xornada de reflexión para un territorio ordenado e produtivo, Pontón fixo referencia específica á xestión do monte. “Apostamos por un monte multifuncional que sexa fonte de riqueza e que, lonxe de ser unha ameaza polo seu estado de abandono e polo seu nivel de eucaliptización, sexa un estimulo económico, social e ambiental. O monte deber ser parte da solución ao abandono do rural e debe ter un desenvolvemento harmónico e integral”, recalcou.
Monte multifuncional, antídoto contra os lumes
“Un monte ordenado e multifuncional sería, ademais, a maneira máis eficaz de loitar contra os lumes, tendo en conta que un monte abandonado converte Galiza nun polvorín, con consecuencias dramáticas no ambiental pero tamén para a seguridade das persoas. Consecuencias terribles que sofrichedes en primeira persoa aquí nas Neves e que, pouco a pouco van superándose, sobre todo polo bo facer do goberno do BNG man a man coa veciñanza”, argumentou.
Servizos públicos do SXXI
Pontón concluíu a súa intervención facendo unha referencia á importancia de ter servizos públicos de calidade, imprescindibles para revitalizar o rural. “Non lle podemos pedir ás persoas que aposten polo rural para desenvolver o seu proxecto de vida, que aposte polo rural para poñer en marcha os seus proxectos de emprendemento económico e, ao mesmo, non garantir servizos propios do século XXI”.
Por iso, o proxecto do BNG para un rural vivo, inclúe unha politica de discriminación positiva para implementar servizos públicos: sanitarios, educativos, tecnolóxicos, de ocio e cultura. O 90% do territorio galego é rural, está conformado por 263 concellos e suma o 40% da poboación. “Alguén se imaxina unha Galiza de futuro deixando atrás ao 90% do seu territorio? Desde logo, para o BNG é inconcebible e por iso temos que rescatar o rural do abandono, da improdutividade e da despoboación. Temos que rescatar o rural da morte lenta que significan as políticas do PP”, concluíu.