Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón avanza un modelo do BNG para atención primaria que blinda por lei o financiamento e ofrece máis servizos sanitarios

“Fronte a un PP que favorece o privado, no BNG queremos que a atención primaria volva ser o corazón do noso sistema sanitario público”, indicou

Santiago de Compostela, 13 de febreiro do 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, manifestou o seu orgullo “ante unha cidadanía galega que non se rende, que non cala e que se rebela contra un PP convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”. A líder do BNG cualificou a manifestación a favor da sanidade pública como histórica, “a maior mobilización dos últimos 20 anos en Galiza”.

Pontón declarou que “tras trece anos de privatizacións e recortes do PP, a cidadanía saíu masivamente á rúa coa forza da razón e do corazón porque a saúde é o máis importante e co máis importante non se xoga”.

Os milleiros de manifestantes convocados desde a plataforma SOS Sanidade Pública dixeron “basta xa” aos recortes e privatizacións, ás listas de espera, a unhas urxencias saturadas, a PACs sen persoal médico, á precariedade do persoal sanitario e a milleiros de nenos e nenas sen pediatra asignado, indicou a portavoz nacional. “Este País decidiu darlle unha lección de dignidade a un PP instalado na soberbia política e nas mentiras sobre a sanidade”, declarou.

Fronte a isto, o Bloque propón alternativas “para que a atención primaria volva ser o corazón do noso sistema sanitario”, indicou.

Neste sentido, Pontón avanzou que o BNG ultima un modelo alternativo de atención primaria baseado en tres grandes piares: financiamento, dotación de capital humano e novos servizos sanitarios. Nese sentido, anticipou, a formación nacionalista traballa nunha proposta que blinde por lei o financiamento necesario até acadar as cifras recomendadas pola OMS, que fixa no 25% do orzamento sanitario total o que debe destinarse a primaria. E Galiza non chega á metade e é a segunda CCAA, despois de Madrid, con menor porcentaxe de investimento en atención primaria.

O segundo piar pasa polo capital humano, de tal xeito que será prioritario acabar coa precariedade dignificando as condicións laborais dos sanitarios e sanitarias, nesta mesma liña, inclúe tamén a creación de xerencias con capacidade de xestión. E o terceiro piar da alternativa do Bloque pasa por incrementar os servizos sanitarios que se prestan en primaria, como psicoloxía clínica, odontoloxía ou fisioterapia, entre outras.

“O BNG ten alternativas para reverter as consecuencias de catorce anos de recortes”, subliñou, tras poñer o foco nun dato concreto: entre o 2009 e 2023, primaria acumulou un recorte no investimento de 2.339 millóns de euros, como recollen os datos dos orzamentos remitidos ao Parlamento, “así é como o Partido Popular deteriora a sanidade pública para favorecer o negocio privado”.

Nesta situación, a portavoz nacional do BNG recalcou que a prioridade do BNG será sempre defender á cidadanía “na rúa e nas institucións dun goberno Partido Popular convertido nun perigo para a saúde dos galegos e as galegas, que non está á altura de Galiza e que ten que escoitar o que a cidadanía reclama”, concluíu.

Exit mobile version