Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón anima á cidadanía a asistir masivamente á manifestación do 12F para defender a sanidade pública

Ve “de sentido común” que o Tribunal Supremo cualifique de “ilegal” que ENCE continúe até o 2073 ocupando o espazo público da Ría de Pontevedra

Santiago de Compostela, 6 de febreiro do 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, amosou esta mañá a súa preocupación pola situación da sanidade pública galega, cun “Goberno do PP convertido nun perigo para a cidadanía” despois de 13 anos de recortes e privatizacións.

A líder do Bloque animou a todos os galegos e galegas a secundar a manifestación do próximo domingo 12 de febreiro, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, na que tamén estará presente o BNG para esixir “un sistema sanitario reforzado e sen precariedade, non como o que nos deixa agora mesmo o Partido Popular”.

Un día antes de que se faga pública a sentenza do Tribunal Supremo que dite se a autorización para que ENCE ocupe o espazo da Ría de Pontevedra ata 2073 é valida, Pontón confía en que se valore “a legalidade”, cando xa existe unha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que é “suficientemente clara con respecto a iso”.

A Audiencia Provincial de Pontevedra xa declarou no seu momento de “ilegal” a prórroga que o Goberno de Mariano Rajoy lle outorgou á compañía de celulosa para manter ata o 2073 as súas instalación en zona de dominio público e protexida pola Lei de Costas.

Por iso, a portavoz do BNG cualificou de “impensable” que a xustiza non referende unha sentenza que xa existe e pediulle ao PP “que deixe de enganar á cidadanía e traslade a fábrica a outro entorno, como xa se fixo con outras similares, para poder continuar construíndo unha Pontevedra sustentable”.

Exit mobile version