Reparar o estado das pistas forestais e completar o saneamento, as súas principais preocupacións
Precisamente, o mantemento destes viais é outro dos motivos de preocupación dos veciños pois, en ocasións, a maquinaria empregada para extraer a madeira causa danos neles, facéndose necesario o seu arranxo. Por iso, desde a asociación expoñen que se executen as fianzas esixidas aos madeiristas en previsión de posibles danos nos camiños.
Completar o saneamento
Así mesmo, os veciños de Galdo manifestaron a Mariña Gueimunde a necesidade de completar o saneamento en toda a parroquia pois, a pesar de estar concluídas as obras dunha parte da rede de sumidoiros (na Feira e desde Trábea ata o Pontigo), aínda se atopa inoperativo nalgúns núcleos. Outra das carencias manifestadas ten que ver coa subministración de auga a parte sur e suroeste da parroquia.
No aspecto social, e como medida para fixar poboación (Galdo perdeu case un 30% da súa poboación desde o ano 2000), os veciños propoñen un proxecto de residencia para a terceira idade, que se podería levar a cabo aproveitando edificios xa existentes como a escola fogar ou a casa parroquial.
A asociación tamén lle expresou a Mariña Gueimunde a súa demanda de que se dote de luz ao local social e que se sele o pozo que se atopa no seu patio, dado que podería resultar perigoso.