A institución en colaboración co Concello organiza diferentes actividades de celebración, como a actuación do grupo fonsagradino Antaruxas e Sorteiros, a proxección dunha película protagonizada polas persoas usuarias, unha comida especial ou un trivial sobre o municipio
Comezaron o día cun xogo de trivial, con preguntas sobre A Fonsagrada, as súas costumes, a música ou a linguaxe; antes de comer proxectouse A nosa película, un audiovisual feito a partir da obra de teatro A Feira do Butelo que se representou o ano pasado e na que participou todo o persoal do centro.
Hoxe hai un menú especial para comer, no que o butelo é o protagonista e onde poden participar os familiares dos residentes. Pola tarde, haberá baile e festa co grupo Antaruxas e Sorteiros.
“Consideramos que é moi importante que as persoas usuarias das nosas residencias estean integradas na actividade do lugar no que viven. Este é un dos grandes valores do noso modelo de residencias, e nesta liña deseñamos o programa do terceiro aniversario da Fonsagrada, como unha continuidade da Feira do Butelo, unha das citas máis importantes do ano e que vén de celebrarse esta fin de semana”, valorou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. Neste sentido, sinalou a importancia de abrir os centros ás visitas dos familiares: “son accións que contribúen ó benestar emocional dos residentes e esa é precisamente unha das nosas prioridades”.
Rede de residencias provincial
A Deputación abriu dende o ano 2019 con José Tomé Roca como Presidente 6 residencias –na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil-, que se suman ás tres que estaban en funcionamento –en Trabada, Ribadeo e Pol-. Polo tanto, conta xa con 9 centros de atención a maiores, que ofrecen en total máis de 300 prazas asistenciais e manteñen uns 230 postos de traballo directos, o 95% deles ocupados por mulleres.
A Deputación conta cun modelo baseado na esencia de que as persoas poidan permanecer no concello ou comarca na que pasaron toda a súa vida, rodeadas de caras coñecidas e residindo con veciños e veciñas. Un feito que mantén o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade.