O Presidente da Xunta “debería cando menos reflexionar sobre se esta persoa é a adecuada para ser o seu máximo representante na provincia: Está claro que non sabe o lugar que ocupa e que o cargo lle queda moi grande”
Lugo, 11 de febreiro de 2023. A área de Igualdade da Executiva do PSdeG na provincia de Lugo convocou na tarde de onte na sede do partido en Lugo unha reunión de traballo con membros da propia dirección provincial e cargos municipais para abordar “o desprezo e falta de respecto” que o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, mostrou esta semana cara a Deputada Pilar García Porto e cara a Deputación.
No encontro participaron a Secretaria de Muller e Igualdade da Executiva, Marina Ramudo, a Secretaria provincial de Organización, Pilar García Porto, e a Vicesecretaria Xeral do PSdeG e Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, así como outros membros da Executiva provincial, alcaldesas, voceiros e cargos municipais do partido.
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, a quen lle gustaría ter asistido á reunión, non lle foi posible acudir por ter comprometida a súa participación como Presidente da Deputación, xunto ao Alcalde da Fonsagrada, Carlos López, nunha mesa redonda sobre o turismo sostible neste municipio da Montaña, un evento organizado polo Concello como preámbulo da Feira do Butelo.
Os socialistas expresaron no seo do grupo de traballo a súa “indignación e total repulsa” á actitude “prepotente, maleducada e machista” de Javier Arias, e o seu apoio pechado á Deputada provincial e á institución. Reclámanlle “que pida perdón publicamente, que rectifique”, e esíxenlle ó Partido Popular e á Xunta de Galicia que “reproben ó delegado do Goberno galego e que pidan desculpas públicas”.
Malas formas que veñen de lonxe
Coincidiron en que o comportamento de Arias “non foi algo puntual”, senón que “a deslealdade institucional e a prepotencia son continuas” dende que asumiu o cargo, poñendo como exemplo que “non avisa ás alcaldesas e alcaldes socialistas das visitas ós seus concellos, e si ós concelleiros do PP. Só convida ós alcaldes, cando son do seu partido. Sen embargo, cando pertencen a outra formación política, a quen comunica a visita é ós edís do Partido Popular”.
Isto constitúe “un serio tic antidemocrático, e un desprezo grave cara eses concellos e cara os propios veciños e veciñas, porque os alcaldes e alcaldesas, sexan da cor política que sexan, son os seus lexítimos representantes”. Un comportamento aínda “máis grave” cando estamos falando de que se trata “do máximo representante do Presidente da Xunta en Lugo”.
Recalcaron tamén que Javier Arias “fai de todo para colocarse na foto, mesmo apartar de malas maneiras a outros cargos institucionais para conseguilo”.
“Compórtase con soberbia, como se fose máis que ninguén, e iso foi o que fixo este mércores na Deputación, pero cunha intensidade moito maior, perdendo totalmente os papeis, e de maneira reincidente, pola mañá na Deputación e pola tarde nun acto público no Vello Cárcere de Lugo”, aseguraron. Os socialistas esixen que “cese este comportamento”, que, por outra banda, recoñecen que “nunca antes se vira na delegación da Xunta”.
O silencio atronador de Elena Candia
Aseguran que a Presidenta provincial do PP, Vicepresidenta do Parlamento, candidata por Lugo e primeira tenente de Alcalde de Mondoñedo, Elena Candia, “debe asumir responsabilidades, dar explicacións por ter nas súas filas a persoas con este talante que ademais son cargos institucionais, e condenar estes feitos. O certo é que xa vai tarde”. “Na democracia e no feminismo crese e deféndese sempre, non se usa cando a unha lle convén”, recalcaron. “Este silencio atronador de Elena Candia supón ser cómplice dunha actitude inadmisible”, afirmaron.
O PSdeG apela ademais á militancia do Partido Popular e pregúntase se están de acordo con este tipo de actuacións.
Do mesmo xeito, consideran que a Xunta de Galicia debe pedir desculpas e valoran que o seu Presidente, Alfonso Rueda, “debería cando menos reflexionar sobre se esta é a persoa adecuada para ser o seu máximo representante na provincia: Está claro que non sabe o lugar que ocupa e o cargo lle queda moi grande”. “O Goberno de todos os galegos e galegas non debe consentir estas actitudes da persoa que o representa na nosa provincia”, incidiron.
Denuncia pública
Tanto a Deputación de Lugo como o Partido Socialista denunciaron publicamente “o intento de tutela e o desprezo” que exerceu o delegado da Xunta de Galicia sobre García Porto e a institución provincial este pasado mércores nunha reunión para abordar entre ambas administracións o convenio colectivo dos bombeiros do Consorcio provincial e a súa fixeza. Un encontro que Javier Arias rebentou esixindo que debía estar o Presidente da Deputación e que a Deputada representante da institución, designada polo mandatario provincial, non lle valía para manter as conversas, tal e como recoñeceu nunha nota de prensa que enviou a todos os medios de comunicación.
Javier Arias mostrou unha “actitude prepotente, maleducada e machista”, tanto cara á Deputada Pilar García Porto, como cara a xerente do Consorcio, con comentarios como: “Dile a Pilar que mueva el culo y venga para la reunión, que deje de hacer tiempo en el despacho, que nos conocemos”.
Unha actuación “insultante e intolerable” que agravou aínda máis pola tarde, no transcurso dun acto público celebrado no Vello Cárcere de Lugo –a clausura do II Encontro de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento-, onde a Deputada se sentiu “intimidada” polos comentarios que Javier Arias lle fixo de maneira continua e insistente, diante dos xornalistas gráficos e as persoas que participaron no evento, con recriminacións como: “No te lo perdono”, “os habéis pasado”, “tú eres la mal educada”, “te estoy hablando, hazme caso”.
A persistencia das alusións provocou tal incomodidade na Deputada que se retirou lonxe de Arias e, logo de participar na clausura do acto, foise para a casa, evitando coincidir con el no cóctel celebrado posteriormente.