Na primeira parte desta xornada, o traballo versou sobre os conceptos teóricos que habitan permanentemente na sociedade, e as distintas realidades que deben vivir persoas que sofren a desigualdade de xénero, a discapacidade, o racismo ou a situación de desigualdade da comunidade LGTBQI+. Actividades e exercicios teóricos que dinamizaron unha experiencia transversal que temos a obriga como cidadáns de compartir e repetir ata lograr a sociedade que queremos.
Na segunda parte, traballadoras de COGAMI presentaron ao alumnado as liñas de actuación da Asociación de Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense e expuxeron os distintos tipos de deficiencias e as restricións e limitacións que conlevan; explicaron tamén os distintos tipos de discapacidades e fixeron énfase na necesidade dunha plena inclusión en todos os ámbitos da sociedade a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación do asociacionismo e dunha prestación de servizos que poida satisfacer as necesidades e expectativas dos integrantes de todos os colectivos.
Unha dobre lección cunha perspectiva única: a busca do futuro da sociedade en base a unha igualdade pola que debemos loitar en cada etapa das nosas vidas e con cada paso que deamos no lugar que nos toque vivir. Unha lección que debe ser asimilada e demostrada cada día coas nosas accións, coas nosas palabras e cos nosos actos.