Ribadeo, 15 de febreiro, 2023. Este mércores, a Asociación INGALICIA presentou o proxecto EUqualizer ao alumnado de 1º de bacharelato do IES Ribadeo Dionisio Gamallo. Este proxecto está cofinanciado polo programa ERASMUS+, e ten como obxectivo favorecer e fomentar o espírito da integración entre os xoves, e quere unir o esforzo de alumnado e profesorado de Italia, Finlandia, Turquía e Malta, na tarefa de dar a coñecer e atallar o problema dos estereotipos. Un grave problema que os xoves queren eliminar e que o que o noso alumnado como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo debe encarar para elaborar propostas tanto sociais como políticas que permitan un futuro sen barreiras, teitos nin obstáculos para as persoas.
Na primeira parte desta xornada, o traballo versou sobre os conceptos teóricos que habitan permanentemente na sociedade, e as distintas realidades que deben vivir persoas que sofren a desigualdade de xénero, a discapacidade, o racismo ou a situación de desigualdade da comunidade LGTBQI+. Actividades e exercicios teóricos que dinamizaron unha experiencia transversal que temos a obriga como cidadáns de compartir e repetir ata lograr a sociedade que queremos.
Na segunda parte, traballadoras de COGAMI presentaron ao alumnado as liñas de actuación da Asociación de Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense e expuxeron os distintos tipos de deficiencias e as restricións e limitacións que conlevan; explicaron tamén os distintos tipos de discapacidades e fixeron énfase na necesidade dunha plena inclusión en todos os ámbitos da sociedade a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación do asociacionismo e dunha prestación de servizos que poida satisfacer as necesidades e expectativas dos integrantes de todos os colectivos.
Unha dobre lección cunha perspectiva única: a busca do futuro da sociedade en base a unha igualdade pola que debemos loitar en cada etapa das nosas vidas e con cada paso que deamos no lugar que nos toque vivir. Unha lección que debe ser asimilada e demostrada cada día coas nosas accións, coas nosas palabras e cos nosos actos.