Site icon Crónica3.com A Mariña

O TSXG rexeita que o Concello de Ribadeo indemnice á empresa que xestiona os apartamentos turísticos da Illa Pancha

Ribadeo, 8 de febreiro de 2023. O alcalde, Fernando Suárez, fai un balance moi positivo da sentenza ditada polo TSXG na que rexeita que o Concello indemnice á empresa que xestiona os apartamentos turísticos da Illa Pancha.

O rexedor declarou “a respecto da sentenza ditada polo TSXG no que rexeita que o Concello indemnice á empresa xestiona os apartamentos turísticos da Illa Pancha debemos valorala moi positivamente. Nesta sentenza, ao igual que xa indicou no seu momento o Xulgado Contencioso Administrativo de Lugo, valida a actuación do Concello a este respecto e que se sustanciou no seguinte: Se se cumprían as normas de accesibilidade, de abastecemento de auga, de saneamento, de acceso público, etc. como calquera outro establecemento, o Concello autorizaba a actividade, e se non se facía pois non. Todo o resto, foron gañas de enredar en todos estes anos”.

Suárez Barcia subliñou que “sempre actuamos conforme á lei, co asesoramento xurídico dos nosos funcionarios xurídicos. E non só iso, todo foi respaldado polas sucesivas sentenzas dos tribunais de xustiza, tanto no Contencioso Administrativo de Lugo como no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.

Porta de acceso á Illa Pancha

O alcalde foi contundente ao referirse á porta de acceso á Illa Pancha: “non imos permitir praias privadas nin illas privadas”.

Fernando Suárez manifestou: “e aínda hai quen ousa cuestionar as actuacións do Concello. Agora, algún concesionario e algunha Autoridade Portuaria parece ser que andan poñendo en cuestión e denunciando que nun arrebato quitamos una porta”.

O rexedor dixo: “o alcalde de Ribadeo é unha persoa moi cabal e non actúa por arrebatos. Non son un tolo. Mándamos desmontar a porta de acceso ao ver que non se cumpría nin o fondo nin a forma das normas polas que todos nos rexemos nin as resolucións xudiciais que nos avalan. E agora, eses gastos producidos ímolos cobrar e que, segundo os informes técnicos, ascenden a 360 euros. De feito, estámosllelos esixindo á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao para que nolos reintegren, ou polas boas en vía voluntaria ou senón por vía executiva”.

Suárez Barcia engadiu: “e dicimos máis. Non imos permitir que nun futuro a alguén se lle ocorra poñer unha porta na entrada da illa, é dicir, en pleno dominio público. Porque iso, ademais, precisaría autorización municipal. E aquí non imos permitir praias privadas nin illas privadas. A costa é de todos os de Ribadeo e de toda a cidadanía en xeral. E a nós puxéronnos aquí para cumprir e facer cumprir a lei”.

Exit mobile version