Patricia Otero recrimina ao PP que “mintan á xente” dicindo que o concello de Viveiro está en contra, cando mesmo incorporan o trazado da VAC Costa Norte no PXOM municipal
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023. A deputada do grupo socialista Patricia Otero, esixiu este martes un “compromiso real e efectivo” coas infraestruturas da Mariña tanto á Xunta coa VAC Costa Norte, como ao goberno central coa A-74, para que ambas saian adiante. De igual modo, pediu ao deputado popular que “deixen de mentir á xente” ao dicir que o concello de Viveiro está e contra da Vía de Alta Capacidade, cando xa actuou en favor da mesma.
A parlamentaria natural de Burela reclamou no pleno do Parlamento de Galicia a través dunha proposición non de lei “pasar das promesas aos feitos” ao gobernos das administracións autonómica e central coas infraestruturas da comarca lucense da Mariña.
Patricia Otero incidiu en que “levamos moito tempo reclamando estas infraestruturas”, pero que “o socabón” de hai unhas semanas na N-642 demostrou a “alta dependencia na comarca desta estrada e a necesidade de alternativas”. Do mesmo xeito, resaltou a “rapidez” da actuación do goberno central, pero igualmente pediu a execución da obra de emerxencia nesta estrada, sendo compatible con pedir un “impulso claro e decidido á A-74”.
Levou á cámara galega as demandas dun “territorio historicamente aillado”, especialmente coa decisión de que a A-8 pasase por Vilalba e non pola costa. Na súa proposición reclamou que se leve a cabo a construción da Vía de Alta Capacidade Costa Norte que conectaría San Cibrao con Ferrol e que depende da administración autonómica.
A representante esixiu ao PP que “deixe de mentir á xente” ao afirmar dende a Xunta que está paralizada pola oposición do concello de Viveiro, o que asegura que non é certo, como así demostra o PXOM municipal onde se ten en conta esta infraestrutura, amosando a “vontade total” dunha “gran alcaldesa que o vai a seguir sendo, por moito que lle pese ao PP”.
Urxiu ao executivo autonómico a buscar unha solución de consenso cos concellos e a veciñanza para esta VAC Costa Norte, como era a proposta do goberno de Touriño do 2009, pero non é así o trazado que aprobou a administración Feijóo de forma unilateral.
Recordou tamén que o propio Feijóo como presidente da Xunta, anunciou co candidato do Partido Popular á alcaldía de Viveiro en 2019, que se saía elixido levaría a cabo a reparación da estrada de Viveiro a Roupar, o que para Otero é unha mostra do que son “as promesas do PP” e o seu “uso das institucións públicas a favor dos seus candidatos”.
De igual modo que reclamou actuacións ao goberno galego, tamén fíxoo co goberno central no relativo á A-74. A propia parlamentaria burelense recoñeceu que “nin o PP, nin o PSOE podemos sacar peito” respecto da Autovía da Mariña, sendo que hai un “abandono” durante décadas que deixou de lado este territorio. Unha autocrítica que a deputada botou en falta por parte do parlamentario do grupo popular.
Recoñeceu os avances por parte do executivo socialista coa demarcación do trazado para esta autovía que debe unir as vilas de San Cibrao e Barreiros, pero denuncia igualmente que “non hai un só centímetro de estrada construído”.