Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente valora o butelo como “o gran símbolo da Fonsagrada e un embaixador da provincia”

O Concello, organizador do evento, instalou unha carpa de 1.200 metros cadrados para albergar esta cita gastronómica, que reúne entre hoxe e mañá uns 70 expositores

Lugo, 11 de febreiro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do Alcalde, Carlos López, e de deputados e deputadas provinciais, participou este sábado na inauguración da XXVI Feira do Butelo que se celebra esta fin de semana na Fonsagrada. O Concello, organizador do evento, instalou unha carpa de 1.200 metros cadrados fronte á Casa Consistorial para albergar a cita gastronómica, que reúne entre hoxe e mañá uns 70 expositores e na que está previsto que se vendan 10.000 quilos de produtos cárnicos.

José Tomé felicitou ó Alcalde “e a todas as persoas que interveñen na organización desta festa, por un traballo intelixente e continuado na defensa deste produto, que é a defensa deste concello e da comarca”, e sinalou que se trata dun “manxar, de alta calidade, e tamén un atractivo moi importante desta terra, en torno ó que se crea riqueza”.

“Falar do butelo é falar de gastronomía e das nosas tradicións, pero tamén do turismo, que acude ano tras ano en maior número a este concello da Montaña, cheo de atractivos naturais, culturais e gastronómicos”, valorou o Presidente. Engadiu que “o butelo é o gran símbolo da Fonsagrada e da Montaña, é tamén un embaixador do bo nome da provincia de Lugo fóra das nosas fronteiras”.

Neste sentido, argumentou José Tomé que esta feira “pon en valor o traballo dos gandeiros e das empresas cárnicas para a elaboración deste produto, e do comercio local e dos establecementos hostaleiros que o inclúen nos seus menús. Un traballo ligado a autónomos e pequenas empresas do noso sector primario, que demostran o potencial desa economía de proximidade que tanto aporta, económica e socialmente, á nosa provincia”.

Sinalou o Presidente que desde a Deputación “temos un claro compromiso de colaboración cos concellos, especialmente cos do rural, como é A Fonsagrada. Reivindicamos que o rural necesita servizos públicos, infraestruturas, acceso ás novas tecnoloxías, e emprego e actividade económica para ter futuro”.

Un futuro que pasa tamén, asegurou, “pola defensa do sector primario, dos produtores, do comercio e da hostalaría local con accións coma esta feira”. “Os nosos gandeiros e agricultores”, reivindicou, “precisan políticas serias, de compromiso continuado, que lles dean certezas de cara ós seus proxectos de futuro, e non as incertezas que, por exemplo, estiveron sufrindo estes últimos tempos os produtores en ecolóxico”, dixo facendo referencia ás axudas da Administración autonómica, que ata que rectificou non cubrían a produción.

“Dende a Deputación de Lugo vamos seguir colaborando sempre co Concello da Fonsagrada para impulsar esta feira, así como con todas as iniciativas que supoñen a posta en valor do noso rural e dos nosos produtos, porque o seu futuro é o futuro da nosa provincia”, comprometeu o Presidente.

Tras a celebración da primeira xornada, mañá domingo entregarase a distinción de Butelo de Ouro, que este ano recae nas persoas voluntarias que confeccionaron máscaras durante o confinamento para a veciñanza. Tamén haberá actuacións do grupo de música tradicional Illa Pancha e da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros.

Exit mobile version