O portavoz popular, Javier Castiñeira, di que a falta de previsión do goberno local deteriorou a imaxe de Foz
Dende o grupo municipal do PP felicitan a todos aqueles que participaron e puxeron o seu grao de area para que o Entroido de Foz siga sendo un dos máis importantes de Galicia. Pero sinalan “algúns aspectos que van en contra do entroido de Foz, como é a xestión do equipo de goberno do Concello, moi amplo, con máis de dez membros, entre concelleiros do PSOE e do BNG, pero sen ningunha coordinación”. Engade: “Demostrouse claramente neste entroido. O domingo, as queixas tanto dos hostaleiros como das persoas que andaban polo pobo eran claras: falta de limpeza, falta de previsión, falta de efectivos, tendo en conta que o luns é un día importante, con moita afluencia de público, un día no que se fai vida nocturna, e non houbo previsión para, ao día seguinte, ter o pobo limpo”.
Castiñeira di que “a imaxe foi nefasta e un claro exemplo máis de que este equipo de goberno vive de rendas, basicamente da forza que teñen as peñas de Foz, pero hai moitas cousas que se deben corrixir se queremos que o entroido de Foz siga aínda a mellor”. Os populares ven falta de organización. “A imaxe que se deu o domingo –di Castiñeira- foi moi mala: un pobo sucio e sen organización despois do grandísimo desfile”.
O portavoz popular destaca que “hai que ter previsto un equipo de limpeza, porque pode haber botellón e no entorno da zona de baile hai que limpar; iso non se fixo e houbo moitos hostaleiros que se queixaron, que tiveron que limpar eles”. Castiñeira di que “moita xente que quixo disfrutar de Foz o domingo do Entroido, que veu de fóra, levouse moi mala imaxe pola descoordinación do equipo de goberno, que non tiña previsto un equipo de limpeza para despois do día grande que é o sábado”.
En resumo, “novamente o equipo de goberno, bipartito, non deu a talla; hai cousas que hai que cambiar se queremos que o entroido de foz siga sendo punteiro”.