Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz denuncia falta de transparencia e desinformación nas obras de Curros Enríquez e Irmandiños

Os populares demandan que se traballe de maneira que sexa posible compatibilizar as obras coa vida diaria e coa actividade económicas das rúas

Foz, 3 de febreiro de 2023. A execución de obras é inevitable para manter as infraestruturas en boas condicións. Pero o desenvolvemento dos traballos ten que facerse con información aos máis directamente afectados e de maneira que interfiran o menos posible no día a día dos veciños e na vida económica das rúas. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, que denuncia “a falta de transparencia e a desinformación que sofren os veciños afectados polas obras nas rúas Curros Enríquez e Irmandiños; algúns deses veciños levan máis de 20 días sen poder acceder aos seus garaxes porque o corte das rúas afectadas polas obras é total”.

Castiñeira di que o corte “afecta tamén ás rúas transversais (Pascual Veiga e Mijaíl Gorbachov); se a iso unimos que os aparcadoiros públicos máis próximos están ocupados con materiais de construción da propia empresa, redúcese moito a capacidade de poder aparcar”. Indica que a maior parte deste veciños son persoas de idade avanzada”. Resalta que hai cerca un colexio.

Dende o PP veñen pedindo reiteradamente que se convoque unha comisión de seguemento para ter informados aos grupos políticos, “e nunca se quixo facer por parte do alcalde”. Os populares pedían charlas informativas aos veciños, para dar a coñecer como lles ían afectar as obras. Castiñeira di: “Cajoto nunca quixo facelas. Parece que os únicos que saben como van quedar as rúas e como se planifican as obras son o alcalde e a empresa. Entendemos que o obxectivo que ten o alcalde é facer as obras o máis rápido posible, pero cremos que a forma de facelo é como se fixeron no seu momento os traballos na Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro, con información, con transparencia, con comisións de seguemento e especialmente coordinando e compatibilizando as obras coa vida diaria e coa actividade económicas das rúas. Igualmente, con certa mobilidade, e non como está a ocorrer con estas obras”.

Os populares piden ao alcalde, o socialista Fran Cajoto, “que, canto antes, corrixa esa situación e que informe á corporación e aos veciños, que se están vendo seriamente prexudicados polo desenvolvemento destas obras”. Os traballos “afectan tamén ao itinerario do desfile de Entroido, porque vimos de saber que o Concello cambiou, a poucos días de que se celebre, o recorrido”. Castiñeira conclúe que “os focenses non están sendo informados adecuadamente”.

Exit mobile version