Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela saca adianta a súa proposta para sacar o tráfico pesado das rúas da vila

Rouco condena que “a mala planificación presupostaria do goberno socialista” leve a aprobar unha transferencia de crédito de máis de 250.000 euros neste ano para facturas sen pagar do 2022”

Burela, 3 de febreiro de 2023. O Grupo Municipal Popular de Burela conseguiu sacar adiante no pleno deste xoves da corporación local unha iniciativa encamiñada a sacar das rúas de Burela o tráfico pesado que os populares prevén que se vai incrementar coa próxima posta en funcionamento da mina de caolín.

O voceiro popular, Manuel Rouco, explica que “dende o grupo de goberno – incluída a recentemente nomeada como alcaldable do PSOE, María del Carmen López- votaron en contra e xa advertiron que non a ían poñer en práctica, a pesar de saír aprobada no pleno. Isto demostra o pouco que lles importan os mecanismos democráticos e o máximo órgano de representación do Concello de Burela. E tamén evidencia claramente o perfil ditatorial que levan demostrando ao longo do mandato: ou se fai o que eles queren ou non se fai nada”, segundo condena o popular.

“Un alcalde en modo vacacional e unha candidata centrada en facer a lista para as vindeiras eleccións sorprendentemente votaron en contra de resolver a situación de Torrentes” para o que “o goberno local debe executar o que recollen as sentenzas xudiciais firmes que saben, dende o ano 2019 que teñen que cumprir”, explica Rouco.

“Debido a un erro no procedemento na incorporación da unidade de actuación de Torrentes dun proxecto complementario na época do bipartito, o Concello debe abonar máis de 600.000 euros aos propietarios das parcelas, sen contar tamén os intereses de demora. A cantidade podería dispararse, polo tanto, ata os 800.000 euros que terían que saír das arcas municipais: é dicir, dos petos dos veciños e veciñas de Burela. Tódolos concelleiros e concelleiras do grupo socialista decidiron adiar a solución a esta situación, incluída a alcaldable, o que da boa mostra de que o seu é un proxecto continuista” con respecto ao actual goberno, segundo considera o popular.

O Grupo Municipal Popular deixou claro en sede plenaria con respecto a esta situación que “nós a teriamos resolta antes de finalizar o primeiro ano de mandato” porque “entendemos que os veciños e veciñas de Burela non deben pagar polos erros á fronte da alcaldía do señor Llano na época do bipartito”.

A TRANSFERENCIA EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO MÁIS ALTA DE BURELA

Rouco explicou que “durante o pleno deste xoves tamén se aprobou unha transferencia extraxudicial de crédito, a máis alta de historia do Concello de Burela, que ascende a máis de 250.000 euros para pagar facturas que quedaron de pagar no ano pasado. Esta cantidade sae do presuposto municipal deste ano para facer fronte a unha mala planificación presupostaria do ano pasado.

Dentro desa contía, 66.000 euros pertencen a facturas que van ser pagadas de forma irregular; xa que pasaron xa máis de 60 días dende que foron rexistradas na sede electrónica do Concello”. Polo tanto, “eses profesionais e autónomos que prestaron servizos para o Concello de Burela van cobrar fóra de prazo”.

Facendo unha análise dos conceptos das facturas, os populares advirten de “facturas de gastos de panadería, supermercado, cantidades moi elevadas en copias de chaves e, incluso, unha que nos chamou particularmente a atención porque se corresponde cun gasto de máis de 2.300 euros en sprays de defensa policial adquiridos a unha empresa cuxa facturación principal é a de decoración de interiores e do que o departamento de Policía Local non ten constancia”. A este respecto, “o alcalde Llano non deu ningún tipo de explicación. É máis, dixo que non tiña por qué dar explicacións de onde se gastaban os cartos desas facturas”, condenan.

O PP, ÚNICO GRUPO EN LEVAR PROPOSTAS AO PLENO

“O Grupo Municipal Popular foi o único que levou iniciativas a este pleno demostrando, unha vez máis, que á alternativa de goberno real. Nesta ocasión, propuxemos sacar o tráfico pesado das rúas de Burela e solucionar os problemas da veciñanza, como é o dos afectados polo caso de Torrentes, pagándolles o que a xustiza recoñece que se lles debe”, conclúe Rouco.

Exit mobile version