O portavoz popular en Barreiros e deputado provincial, José Manuel Gómez Puente, denuncia que esta vía non entrou este ano no plan de mantemento da Deputación
Gómez Puente sinala: “Esta estrada, arranca na N-634, é dicir na estrada xeral, ao pé do tanatorio, e acaba na pista que descorre ao longo da costa, neste caso, en Coto. É a mellor alternativa para ir dende a xeral á estrada que bordea a costa, porque é a máis recta, no atravesa núcleos de poboación e é a máis ancha”. Engade: “Este ano, non sei por que, a Deputación non levou a cabo obras de mantemento na LU-P 0611 e agora mesmo o deterioro é moi acusado. O pavimento está mal, pero hai algunha zona na que se formaron grandes fochancas, que crean risco para a seguridade do tráfico e que xa provocaron algunha avaría”.
O mesmo representante popular di: “Xa sabemos que ao presidente Tomé non lle gusta nada que poñamos negro sobre branco o mal estado da rede viaria provincial, cuxo mantemento depende da Deputación. Pero hai moitas estradas en moi mal estado e esta de Barreiros é unha delas. Polo tanto, temos que reclamar, en nome dos veciños de Barreiros e de todos os usuarios desta vía, a súa reparación no máis corto prazo posible”. Lembra que Barreiros recibe cada verán a miles de visitantes e que este é un dos accesos principais ás praias. “Esperemos que amañen a estrada antes da primavera, porque tamén é unha vía que facilita a comunicación entre barrios de Barreiros”.