Site icon Crónica3.com A Mariña

O “Mes Gandeiro” convirte ao Valadouro na capital do sector na Mariña e na provincia

Estes eventos fan do concello unha referencia en todo o país

O Valadouro, venres 10 de febreiro 2023. O Concello de O Valadouro continúa este sábado coa celebración do mes gandeiro, unha iniciativa da concellería de Medio Rural á frente da que está o Tenente Alcalde e concelleiro de Cultura e Medio Rural, o nacionalista Eduardo Chao, que valorou moi positivamente a primeira das xornadas do mes gandeiro celebrada o pasado sábado 4 de febreiro coa IV Feira de Razas Autóctonas da Mariña e que terá continuación este sábado 11 con varias conferencias sobre o sector agrogandeiro no salón de actos da Casa da Cultura desde as 10:30 e tamén en horario de tarde. Así mesmo este sábado terá lugar o Concurso de Andadura ás 10:00, organizado por Puraga e a Asociación de Cabaleiros do Valadouro e no que se repartirán máis de 2.000€ en premios. O sábado 18 haberá a tradicional Feira de Gando, desde ás 10:00 ata as 18.00, na que se agardan numerosas transaccións e compraventa de gando vacún e cabalar. Haberá tamén máis de 1.000€ en premios.Desde a Tenencia de Alcaldía, Eduardo Chao anima a participar nas diferentes citas deste Mes Gandeiro que “está convertindo ao Valadouro na capital agrogandeira da Mariña e da provincia e é unha referencia xa en toda Galicia, así que animamos a toda a xente a vir e a disfrutar do Valadouro, dos nosos produtos e da nosa gastronomía nos diferentes locais de hostelería” afirmou. Manifestou tamén que “eventos coma estes que organizamos en febreiro e que terán continuidade en marzo co potentísimo Mercado da Primavera dinamizan a nosa economía e danlle valor aos nosos produtos e a un dos nosos principais recursos: o agro e a gandeiría”

“Benvido o anuncio de remodelación do colexio, ainda que sexa en época preelectoral e da man do candidato que cando foi alcalde non fixo nada por arranxalo”

Eduardo Chao tampouco quixo deixar pasar por alto o anuncio da remodelación do colexio de O Valadouro anunciada no día de ontes polo conselleiro Román Rodríguez, manifestando o seu agradecemento ao señor conselleiro, ao deputado Balseiro e ao candidato Lamelas: “moitas grazas aos tres, e dígoo como pai que tén os fillos no colexio e tamén como tenente alcalde do concello, e dígolles que máis vale tarde ca nunca, pois levamos anos sufrindo esas deficiencias, curiosamente xa cando o actual candidato do PP señor Lamelas era alcalde. Menos mal que se acordaron agora na precampaña electoral”

Eduardo Chao quixo recordarlle tamén aos tres que puideron aproveitar para anunciar o restablecemento do servizo de pediatria na vila, tal como demandaron en inumerables ocasións nais e pais de Alfoz e O Valadouro. E abondando máis en necesidades urxentes do Valadouro, Chao referíuse tamén a outro anuncio que poderían ter feito: outro incumprimento da Xunta co concello, o polígono industrial, tema co que o deputado Balseiro marxina e ningunea ao seu concello de nacemento.

Exit mobile version