Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista reclama á Xunta a habilitación de axudas para o sector da pesca de cerco polas limitacións á captura do xurelo

Patricia Otero exixe á conselleira de Pesca, Rosa Quintana, que cumpra o acordo parlamentario do pasado xaneiro e atenda ás demandas dos pescadores

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023. A voceira de pesca do grupo socialista, Patricia Otero, reclamou á conselleira de Pesca que cumpra o acordo da comisión de pesca e implementen axudas económicas para o sector da pesca do cerco polas limitacións á captura do xurelo na zona VIII c.

O pasado 27 de xaneiro aprobouse por unanimidade na comisión de pesca iniciativa socialista presentada por Patricia Otero, que buscaba apoiar ao sector da pesca de cerco galego ante as restricións á pesca do xurelo, permitindo o paro temporal que eles solicitan e a habilitación de liñas de axuda.

Este sector precisa axudas por parte das administracións autonómica e estatal de cara á súa supervivencia nos meses de paro voluntario ata poder actuar na tempada de pesca da anchoa ou da xarda.

A parlamentaria socialista interpelou hoxe á conselleira de Pesca, Rosa Quintana, para saber se o goberno galego cumprirá o mandato da cámara e habilitará axudas, como así anunciou o goberno de España que fará. Ao non obter resposta por parte de Quintana, no seu turno de réplica, Otero volveu a preguntarlle se van a cumprir o acordo e axudar economicamente ao sector da pesca de cerco.

Acusou á conselleira de adicarse a “comentar a actualidade” en vez de exercer as competencias, unicamente botando a culpa de todo ao executivo central. Polo que, tralas acusacións constantes ao goberno de España, Patricia Otero recordoulle á conselleira que “non estamos a falar de Madrid, senón de Malpica, Camariñas, Sada ou Portosín” que son algúns dos portos máis afectados pola restrición da pesca do xurelo.

Son máis de 1.000 mariñeiros e 73 embarcacións as afectadas polas limitacións dos organismos comunitarios á pesca desta especia na zona VIII c, polo que Otero entende de vital importancia axudar a estas familias.

Agarda que o goberno galego non repita o que fixo no 2015 e no 2016 cando os cerqueiros estiveron tres meses acampados diante da Xunta sen saír a faenar e “ninguén do executivo galego saíu a escoitalos nin negociar con eles”.

Exit mobile version