Balseiro asegura que o Goberno de Pedro Sánchez afonda na súa “vontade evidente de desmantelar” o FEVE na Mariña lucense, Ortegal e Ferrolterra
Compostela, 18 de febreiro de 2023. O Grupo Popular de Galicia vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia a través da que se demanda ao Goberno de España que asuma as responsabilidades políticas oportunas ante a “chapuza” que impide renovar a frota de trens da rede estatal de vía estreita (a antiga FEVE) nos prazos inicialmente comprometidos. O voceiro popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, di que “esta é unha mostra máis que evidente da falta de compromiso e desinterese do Ministerio de Transportes por este servizo público” que, no caso de Galicia, opera no norte das provincias de Lugo e da Coruña, máis en concreto, comunica os concellos costeiros da Mariña lucense, Ortegal e Ferrolterra, como continuidade dunha rede que une Galicia con Asturias, Cantabria e o País Vasco.
Na iniciativa parlamentaria, o Grupo Popular pide que se cuantifique o retraso concreto que sufrirá a renovación da frota, que podería superar os dous anos ante a necesidade de deseñar e construír novos trens que poidan operar en todos os treitos, tras o erro acontecidos na medición dos gálibos que impiden o seu paso polos túneles. Deste xeito, e “para depurar responsabilidades, deben producirse o cese dos “cargos políticos responsables desta decisión, e non é suficiente coa marcha do equipo técnico que traballou na contratación da nova maquinaria”.
DESMANTELAMIENTO PROGRESIVO
Balseiro lembra que nos últimos anos están a multiplicarse as queixas polas deficiencias que acontecen nesta liña e que non só proceden dos pasaxeiros deste servizo ferroviario e dos representantes dos concellos que percorre, senón tamén dos propios traballadores, que denuncian recortes en materia de persoal e nas tarefas de mantemento e modernización da rede. Nese senso, a iniciativa parlamentaria lembra que aínda están pendentes de cumprirse as melloras técnicas, organizativas e de dotación de persoal comprometidas e que xa formaron parte das demandas que por unanimidade se aprobaron no Parlamento galego en diversas ocasións.
“A realidade é que a día de hoxe asistimos a un progresivo desmantelamento deste servizo: non se recuperaron os horarios e frecuencias suprimidas polo Ministerio durante a pandemia e son incapaces de facer unha planificación de reforzo nas épocas de maior demanda, como pode ser o verán ou en festivos, provocando incomodidades por falta de espazo”, manifesta o portavoz de Infraestruturas.
A isto engádense as múltiples avarías que sofre o servizo e a decisión política de deixar de prestar servizos como o do transporte de mercadorías, que operaba para a empresa do aluminio Alcoa.
Por último, José Manuel Balseiro pide “un compromiso máis amplo en clave de futuro con esta liña, que pasa por elaborar un plan a longo prazo que recolla as características técnicas e os investimentos precisos para electrificar a totalidade da liña de ferrocarril de ancho métrico que opera en Galicia, nun prazo razoable de tempo, e coas condicións que permitan intensificar e mellorar o tráfico de viaxeiros e restablecer o de mercadorías”. Na actualidade, o percorrido que fai o FEVE en Galicia é un dos poucos espazos onde moitos dos novos trens, cando cheguen, non poderán operar porque a liña carece da catenaria axeitada, o que obriga a empregar maquinaria con tecnoloxía híbrida e non exclusivamente eléctrica.