Site icon Crónica3.com A Mariña

O conselleiro de Educación destaca a rehabilitación integral levada a cabo no colexio Gregorio Sanz, de Ribadeo, como un exemplo da aposta do Goberno galego por centros escolares máis modernos, confortables e sostibles

Ribadeo, 24 de febreiro de 2023. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destaca o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas educativas nos concellos da Mariña luguesa, que acadan actualmente os 3,8 millóns de euros.

Así o sinalou durante unha visita ao colexio CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, para comprobar de primeira man o resultado da rehabilitación integral que a Xunta vén de levar a cabo nas súas instalacións. Segundo explicou o conselleiro, esta obra é “un exemplo da aposta que estamos a facer para acadar centros escolares máis modernos, máis confortables e máis sostibles tanto desde o punto enerxético como medioambiental”.
No caso concreto do Gregorio Sanz, investíronse preto de 1M€ en distintas actuacións que incluíron o illamento de fachadas, o cambio da cuberta, a substitución da carpintería exterior e vidros, así como a reforma da iluminación, cambiando as luminarias por outras de tipo LED con regulación lumínica e detectores de presenza nas zonas comúns, entre outras medidas.

Todas estas actuacións combinadas redundarán nun aforro anual do 44% tanto no consumo enerxético final do centro como en emisións contaminantes á atmosfera. En concreto, no que se refire ao gasto en calefacción, prevese un aforro de máis do 62%, segundo especificou o conselleiro. Así mesmo, procedeuse á reparación e pintado dos paramentos interiores, colocáronse falsos teitos e puliuse o pavimento, entre outros traballos.

Obras na Mariña
A rehabilitación integral de Ribadeo únese ás tamén realizadas nos institutos IES de Foz e IES María Sarmiento de Viveiro, así como as melloras sectoriais nos colexios Juan Rei (Lourenzá) e do Vicedo e na Escola de Educación Infantil San Roque (Viveiro). Todas elas leváronse a cabo de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para o deseño dun modelo de centros post pandemia, que conta cun orzamento de máis de 191M€ para o período 2021-2024.

Trátase dun plan pioneiro no impulso dun novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.

Polo Creativo
Román Rodríguez aproveitou para agradecer a implicación do equipo directivo e do conxunto do profesorado na posta en marcha de programas educativos impulsados pola Consellería de Educación como é o caso do Polo Creativo co que conta deste este curso, empregando a intelixencia artificial para un proxecto que afonda no coñecemento de Ribadeo.

A posta en marcha deste polo -un dos 225 que hai en Galicia- fíxose realidade grazas ao investimento de 40.000 euros por parte da Consellería. Ademais, o colexio tamén participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, nos contratos programa CP Innova e CPInclúe e no Plan Proxecta coas accións Paisaxe e sustentabilidade, Vexo vexo Xacobeo e Aliméntate Ben.

PP Ribadeo
O voceiro do grupo municipal de Ribadeo, Dani Vega, valora positivamente a visita do Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para inaugurar as obras do CEIP Gregorio Sanz.

“Son preto de 1 millóns de euros que a Xunta investir no CEIP Gregorio Sanz para a mellora de eficiencia enerxética así como outras melloras no centro”; di Dani Vega. Neste sentido, entre as actuacións que se fixeron: arrancó da cubierta, reforma na estrutura das paredes, cambio de ventanas, mellora da caldeira e substitución do montacargas por un novo ascensor.

Exit mobile version