O concello manterá a súa estreita colaboración coa asociación
“Buscamos e baraxamos varios emprazamentos en Viveiro, pero temos a limitación de non ter aprobado aínda o PXOM por parte da Xunta e non temos parcelas urbanas, como pode ter Xove, polo tanto non hai ningunha parcela para facer a residencia que se adapte ás súas necesidades”, explica María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
“Ofrecísmolles varias parcelas que temos pero ao ser de dominio público, unha cedida por Costas e outra do parque industrial, terían que ser para unha residencia pública, non poden ser para unha residencia de xestión privada, e por iso o concello tivo esa dificultade”, engade Loureiro.
“O Concello de Viveiro moveuse e por este motivo pedimos encarecidamente á Xunta de Galicia que nos aproben o Plan Xeral xa, porque estamos moi limitados. Lamentamos que a residencia se vaia para Xove, porque estamos na fase final do PXOM”, afirma a alcaldesa.
O concello entende que a opción de trasladar a Escola Oficial de Idiomas ao antigo colexio de Celeiro tardou máis do previsto, pero despois Aspanane comprobou que o inmoble era pequeno e non cumpría coa nova Lei de Mobilidade.
“O concello vai seguir colaborando con Aspanane, para nós e prioritario e, de feito, agora imos facer unha obra, por un importe de 50.000 euros a través dun convenio da Deputación, nas instalacións que teñen cedidas”, remata Loureiro.