O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, dixo que “como cada ano, o 2 de febreiro celebrouse o Día Mundial dos Humidais (DMH) para conmemorar a data da firma do Convenio Ramsar, relativo á conservación dos ecosistemas, que tivo lugar o 2 de febreiro de 1971. O obxectivo desta efeméride é visibilizar e crear conciencia sobre o valor dos humidais para a humanidade e tamén para o planeta. E tamén cada ano seleccionase un lema que axuda a centrar a atención nestes valores fundamentais e esenciais. O lema escollido neste 2023 foi É hora de restaurar os humedais”.
O edil ribadense relatou que “deste xeito o Concello de Ribadeo conmemora o Día Internacional dos Humidais e ao longo desta fin de semana realizaranse varias actividades para celebrar esta data e poñer en valor todo o significado do noso humidal da Ría de Ribadeo”.
Vizoso Galdo contou que “o sábado 11 de febreiro terá lugar unha conferencia titulada Restauración e aplicación das mellores prácticas no humidal de importancia internacional da Ría de Ribadeo, a cargo de Javier Ferreiro da Costa, Doutor Enxeñeiro de Montes e investigador do IBADER do Campus Terra (USC). Esta charla terá lugar na Casa do Viejo Pancho ás 19:00 horas. Xa na xornada do domingo haberá unha saída ornitolóxica pola Ría de Ribadeo para realizar unha observación das aves, guiada por Manuel Domínguez, biólogo da empresa Ventos. O desprazamento será en autobús dende a Oficina de Turismo de Ribadeo ás 10:00 horas. E esta xornada rematará cun obradoiro de reprodución de pegadas de animais que habitan nos humidais, tamén a cargo de Manuel Domínguez”.
O concelleiro de Turismo engadiu que “para estas dúas últimas actividades, as do domingo, é necesaria reserva no teléfono 982 128 689 ou no correo electrónico turismo@ribadeo.org. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, ademais de caderno de campo, cámara fotográfica e prismáticos”.