Ribadeo, 7 de febreiro de 2023. O Concello de Ribadeo condena o asasinato machista de Beatriz Lijó.
Mónica Freire Rancaño, concelleira de Igualdade, manifesta que “o Concello de Ribadeo mostra a súa máis firme condena e repulsa ante o asasinato machista de Beatriz Lijó en Baiona. Queremos transmitir así mesmo a nosa solidariedade coa súa familia e contorna. A violencia que se exerce contra as mulleres supón unha grave e intolerable violación dos dereitos humanos”.
A edil ribadense engade que “esta traxedia enfróntanos á responsabilidade que temos desde as institucións, as administracións públicas e o conxunto da sociedade en facer efectiva a igualdade utilizando todas as ferramentas que sexan necesarias para erradicar a violencia machista”.
Freire sinala que “mañá ás 20:00 horas na Praza 8 de Marzo de Ribadeo, dende a Área de Igualdade do Concello de Ribadeo, sumámonos á concentración organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade en resposta ao asasinato machista de Beatríz Lijó”.