Foz, 14 de febreiro de 2023. O Concello de Foz continúa co seu plan de mellora de viarios no casco urbano e nas parroquias. Con cargo a fondos do Plan Único 2022 estase a proceder á renovación do firme na rúa Río Masma.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “a actuación consiste na limpeza da calzada actual e fresado onde é preciso, colocación de nova capa de firme de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, disposición de sinalización vertical e pintado da rúa. O investimento total ascende a algo máis de 14.000 euros”.
O rexedor municipal pide “desculpas polas molestias causadas polas obras, moi demandadas polos veciños que viven nesa rúa xa que o firme atopábase en moi mal estado. Pouco a pouco, con cargo a distintas fontes de financiamento e seguindo as directrices que marca o Plan de Mobilidade, estamos a mellorar a rede viaria do noso concello. Mellorar o firme desta rúa, moi deteriorado, era unha prioridade”.