Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo adecuará un vial de enlace entre os montes de caolín, en San Román, e a N-642 para evitar o tránsito de vehículos pesados polos núcleos de poboación

Villares explicou que “levamos mais dun ano traballando no proxecto de execución deste trazado que discorrerá por terreos municipais, polo que os trámites se axilizarán ao máximo para favorecer, canto antes, a actividade desta mina que está a piques de poñerse en funcionamento”

Cervo, 10 de febreiro de 2023. O Concello de Cervo leva máis dun ano traballando nun proxecto de adecuación e construción dun vial que servirá de enlace entre os montes de caolín situados na parroquia de San Román, e a N-642, á altura do Burgo de Daian, onde se situaba a antiga canteira “a fin de favorecer o tránsito dos vehículos pesados da mina de caolín que está a piques de poñerse en funcionamento, e tamén dos camións que transportan madeira dos montes cervenses, evitando así o seu paso polos núcleos de poboación”.

Así o explicou o rexedor, Alfonso Villares, quen apuntou que é unha boísima noticia, especialmente para a parroquia de San Román, que se vaia retomar a actividade desta mina, “desde o Concello estamos en contacto coa firma arrendataria da canteira para facilitarlles na medida das nosas posbilidades a súa actividade, tan positiva para o noso municipio”.

Deste xeito -engadiu- esta vía de enlace que proxectamos, e da que xa son coñecedores, discorre na súa totalidade por terreos municipais, o que nos permitirá axilizar ao máximo os tempos e os trámites, ao depender en todos os aspectos e unicamente da administración local.

Exit mobile version