Os centros divulgan a súa figura a través dunha exposición que irá acompañada cunha guía didáctica para distribuír nos centros de ensino
En concreto, a exposición gañadora na categoría destinada aos centros de Educación Infantil e Primaria é Desde a Fiestra de don Paco, do colexio lucense; e na categoría destinada a centros de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial, a premiada é Camiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fernández del Riego, do instituto vigués.
Con esta medida a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades continúa divulgando as Letras Galegas entre a xente nova. Cada centro educativo gañador recibe un premio en metálico de 2.000 € e o profesorado implicado obtén unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).
Decena de carteis
Ademais, cada exposición vén acompañada da correspondente guía didáctica, que permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época do autor a quen lle rende homenaxe o Día das Letras Galegas.
A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica serán impresas e distribuídas en centros de ensino de Galicia e do exterior, centros de estudos galegos, concellos, bibliotecas e outros lugares de interese. Tamén estará dispoñible no Portal da Lingua Galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais.