A dirección provincial trasladoulle o seu apoio co obxectivo de “recuperar a alcaldía” nun concello onde “o PP logra nas autonómicas e xerais o apoio maioritario” de forma que contribúa a “recuperar a Deputación e ao cambio de ciclo político de cara aos comicios xerais”
Ribeira de Piquín, 12 de febreiro de 2023. José Osorio, coñecido como ‘Castro’, é o candidato do PP á alcaldía de Ribeira de Piquín. O empresario do sector forestal e presidente da xestora do PP local estivo arroupado durante o acto de presentación por membros da dirección provincial -coma a presidenta provincial, Elena Candia; secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; coordinador xeral, José Manuel Balseiro, o secretario de Organización Javier Vázquez, e Javier Arias-; o secretario de Facenda, Eficiencia e Modernización do Sector Público e Financiamento Europeo do PPdeG, Miguel Corgos; senadores, alcaldes, portavoces e representantes do PP da zona; ademais de veciños e afiliados do municipio.
Castro sinalou durante a súa intervención que “o meu obxectivo como candidato á alcaldía é a de gobernar para cubrir as necesidades dos veciños e veciñas”. E sobre todo para escoitar a tódalas persoas”. Nese sentido, comprométese a “traballar por un futuro mellor para a nosa terra e para todos os nosos veciños e veciñas e construír un proxecto pensando en atender ás necesidades da xente de Ribeira de Piquín”.
A este respecto, nomeou, por un lado, a necesidade de fomentar o emprendemento “apoiando a aquelas persoas que queiran emprender en calquera sector” e o acceso da xente nova ao emprego. E, por outro, a de “atender aos nosos maiores e as súas necesidades”. Castro sinala que “se poden prestar máis servizos dende o centro de día, tal e como demandan os usuarios e as familias” e que “o goberno local dun Concello coma o noso debe xestionar de forma áxil o SAF e non como pasa agora que, a pesar de dispoñer de 145 horas por asignar, ten catro solicitantes en lista de espera”.
O popular tamén defende a “correcta xestión dos recursos da zona atendendo ás características orográficas do noso concello” e, “por suposto, garantir os servizos aos veciños e veciñas”.
Castro amosou “a honra que supón presentarme ante os meus veciños e veciñas como candidato á alcaldía do nosos concello” e agradeceu o apoio dos asistentes ao acto.
APOIO DA DIRECCIÓN PROVINCIAL
A dirección provincial amosoulle o seu apoio e trasladoulle a súa confianza para “conformar unha candidatura que sexa a alternativa ao actual goberno local. Cremos que hai outra forma de gobernar e que se pode facer máis polo Concello do que se estivo facendo nos últimos oito anos de goberno socialista. O electorado, tanto nas autonómicas coma nas xerais, apoia maioritariamente ao Partido Popular e, polo tanto, “agardamos recuperar a confianza dos veciños e veciñas tamén nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio”.
“O Partido Popular aspira a recuperar a alcaldía no municipio onde sempre gobernou a excepción dos últimos oito anos”, apuntou Balseiro. E, na mesma liña, sinalou Nodal que “os resultados tamén son especialmente relevantes de cara á recuperación do goberno da Deputación Provincial” e “de cara ao cambio de ciclo político que tería continuidade nas vindeiras eleccións xerais”.