Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón un bus urbano para Viveiro cunha ruta circular constante

Viveiro, 24 de febreiro, 2023. A concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, propón a creación dunha liña circular de autobús urbano en Viveiro, que conte cunha elevada frecuencia de paso para que sexa cómoda e útil, a prezo económico e que funcione de forma continuada facendo unha ruta circular constante.

Míriam Bermúdez quere conectar así as zonas máis habitadas do concello, entre elas Covas, Cantarrá, Misericordia, Landrove, Magazos, Xunqueira, Verxeles, Viveiro, Lodeiro e Celeiro, e que poderán ser aumentadas en caso de existir demanda. Unha proposta que se complementaría co resto de liñas de autobús xa existentes no rural quedando moito máis conectadas entre si.

“Queremos que Viveiro sexa máis habitable interconectando o Concello cun bus que sabes que está en ruta circular constante, sen preocuparte de horarios nin de coller e aparcar o coche, algo moi cómodo e útil que tamén reduciría atascos e aliviaría a falta de aparcamento”, incideu Míriam.

Míriam Bermúdez, pensando tamén no financiamento deste autobús ou microbús urbano, propón a elaboración do PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible) e poder así optar aos fondos Next Generation para a súa implementación, seguindo o exemplo de Concellos como Carballo, As Pontes ou Moaña.

Tamén hai apenas unhas semanas, aprobábase a moción do BNG para potenciar e publicitar as liñas de bus existentes coa colocación de postes informativos cos destinos, horarios e prezos nas paradas, así como a colocación de marquesiñas priorizando as de uso escolar. Para que esta medida estea aplicada só faltaría a execución por parte do Goberno Municipal, que cando quere actúa axilmente. Agardamos que non se demoren.

Polo exposto, o BNG de Viveiro a través da súa concelleira, Míriam Bermúdez, propoñerá no vindeiro pleno a aprobación do seguinte:

. Crear unha liña de autobús urbana que conecte os principais núcleos de poboación de Viveiro.
. Redactar un Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) para opter financiación da UE.

Exit mobile version