Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide garantir o 100% das axudas solicitadas a través da liña de subvencións á conversión e mantemento en ecolóxico

Pontón: “É incomprensible que Medio Rural, que cada ano deixa máis dun 20% de fondos sen executar, non garanta a totalidade das solicitudes”

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG esixirá no vindeiro Pleno do Parlamento que o Goberno galego cubra o 100% das axudas solicitadas polos produtores e produtoras ao amparo das liñas de subvención de conversión e mantemento en produción ecolóxica, tanto as correspondentes a anualidade de 2022 como as que se soliciten durante o período 2023-2027 de vixencia da actual PAC.

Pontón fixo esta proposta nun encontro con representantes da Plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico, que tivo lugar na explotación en ecolóxico Granxas de Lousada, no concello de Irixoa, onde anunciou que o BNG seguirá apoiando aos produtores e produtoras e ás persoas que viven e traballan no rural, “que necesitan ter unha administración que sexa a súa aliada e non que traballe en contra dos seus intereses”. Un encontro no que tamén participaron Xosé Luís Rivas e Carme Aira, portavoces de Medio Rural no Parlamento.

A portavoz nacional explicou esta proposta para dar unha solución á difícil situación na que quedaron moitas explotacións en ecolóxico, despois de que máis da metade quedaran excluídas da convocatoria do pasado ano por falta de fondos suficientes e en base a un baremo que tanto o BNG como o sector cualificou de arbitrario.

Neste sentido, Pontón considera “incomprensible” a xestión dunha consellería de Medio Rural “que cada ano deixa máis dun 20% de fondos sen executar pero que non esta mobilizando recursos para atender a uns produtores e produtoras que teñen dereito a un trato xusto”. Un Goberno do PP que, en vez de apoiar “ao cen por cen” ás persoas que apostan por producir no rural, deixa á metade dos produtores en ecolóxico fóra das axudas do ano 2022, unha xestión, remarcou, “que non é de recibo”.

Ademais, puxo o foco na difícil situación daquelas explotacións, “que contaban con eses recursos e que agora teñen unha situación moi complicada”, polo que o BNG reclamará a través dunha iniciativa parlamentaria que as axudas cheguen á totalidade de produtores e produtoras en ecolóxico que as soliciten.

A líder do Bloque cualificou á produción en ecolóxico como “estratéxica” porque preserva o medio ambiente e xera alimentos de moita calidade. “Entendemos que Galiza, que é un País rico, ten moita capacidade para poder xerar alimentos de calidade, para poder crear emprego no rural, para poder coidar o noso territorio”, alegou.

“Temos capacidade para producir máis, non podemos ter un Goberno que pon paus nas rodas á xente que está apostando por producir no medio rural”, argumentou a líder do Bloque, quen apoiou expresamente un maior investimento para potenciar a produción de ecolóxico, na que Galiza está á cola.

Pasar do 5 ao 25% de produción en ecolóxico

“Neste momento o 5% da superficie agraria útil está en ecolóxico en Galiza, menos da metade que no conxunto do Estado e moi lonxe da planificación da Unión Europea, que aposta por chegar a un 25% da superficie agraria útil en ecolóxico, polo que Goberno do PP non só debe apostar por este sector, senón que ademais debería darlle consideración de estratéxico”, argumentou.

De feito, Pontón demandou apoiar ao sector con axudas directas, pero tamén cun maior apoio á comercialización e á distribución para facilitar que eses produtos cheguen aos consumidores, poñendo en valor a súa alta calidade e as súas vantaxes para a saúde das persoas.

A portavoz nacional fixo referencia á recente pandemia que, entre outras leccións, deixou claro a necesidade de “producir máis aquí” e insistiu na importancia dunha produción en ecolóxico que combata o abandono do medio rural, imprescindible para darlle futuro a Galiza. Na produción en ecolóxico, Galiza ten moita marxe de crecemento e hai que ter en conta todo o que pode aportar en termos ambientais, para fixar poboación, fronte ao despoboamento actual e tamén en termos de soberanía alimentaria.

Exit mobile version