Riotorto, 4 de febreiro de 2023.- O alcalde e os concelleiros do PP negáronse a debater no pleno ordinario celebrado este venres a moción do BNG para reclamar á Xunta a cobertura das dúas prazas de médico no centro de saúde, apoiar a mobilización social en defensa da sanidade pública e reprobar a xestión dos responsables políticos da Consellería de Sanidade.
A pesar de que a moción estaba incluída na orde do día do pleno, o Partido Popular vetou o seu debate, escudándose na ausencia do concelleiro do BNG, que non puido acudir por baixa médica.
A formación nacionalista explica que “se presentou no concello o xustificante da baixa e máis o escrito pedindo que se debatese e votase a moción, cumprindo co recollido na orde do día”.
O BNG critica “a covardía política do goberno municipal que pon os intereses do Partido Popular por riba da defensa da sanidade pública e e dos servizos que reciben as veciñas e veciños, escudándose na baixa dun concelleiro para non dar a cara”.
“É incomprensible que tras dous meses e medio cunha praza de médico sen cubrir, e coa Xunta de Galicia abrindo o camiño á súa amortización con intervencións no Parlamento, o equipo de goberno non teña ningunha xestión nin ningunha proposta que ofrecer”, sinala a forza nacionalista.
Recordan, ademais, que “a falta de iniciativa é a tónica da lexislatura, na que pasan os meses sen que o goberno municipal teña ningunha proposta que facer, en ningún tema, con plenos nos que, de non ser pola oposición, se convocarían sen ningún punto na orde do día”.
Dada a situación, o BNG presentará unha solicitude de pleno extraordinario para que o goberno municipal aclare que xestións esta a realizar neste momento clave para o futuro do centro de saúde.