Barreiros, 2 de febreiro 2023. A actual alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, volverá a encabezar a lista do Bloque Nacionalista Galego no municipio. A formación nacionalista así o decidiu por unanimidade, co obxectivo de “revalidar a alcaldía e seguir dirixindo un goberno ao servizo da veciñanza, desde a honradez e o traballo continuo”.
A actual alcaldesa barreirense presentarase oficialmente nun acto público no que a acompañará á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Este encontro, ao que convidan a asistir a toda a veciñanza, será o vindeiro 3 de febreiro ás 20 horas no restaurante O Asador.
Ermida manifestou o seu agradecemento “ás compañeiras e compañeiros que confían en min para seguir traballando por un Barreiros do que sentir orgullo e no que os servizos públicos estean ao servizo da veciñanza.” Igualmente, quixo pór en valor o traballo realizado neste primeiro mandato dun goberno que “atopou un Concello no que a marxe de mellora en todos os aspectos era amplísima e que puxo todo o esforzo e o traballo diario para saír dunha situación que, por momentos, foi realmente complicada”.
Neste sentido, quixo “convidar a todas as veciñas e veciños a acompañarnos o vindeiro venres 3, para seguir apostando por un xeito de gobernar Barreiros no que as persoas sexan o centro das políticas e o único interese que se poña por diante sexa o xeral”.
A mandataria local anunciou que nas vindeiras semanas farán pública a candidatura completa, “composta por mulleres e homes capaces, honrados e coa cabeza e o corazón en Barreiros”.