Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova vitoria ante un gran equipo

O Pescados Rubén Burela FS lévase de novo na casa o seus tres puntos ante un dos equipos máis competentes da 2ª Federación

Burela, 4 de febreiro,2023. Con dúas baixas importantes, Óscar Villanueva e Mateo Flores, pero moi boa actitude e grande calidade de xogo, veu hoxe xogar contra o Burela FS, o Sala 10 dende Zaragoza e segundo o seu adestrador, Jorge Palos, “… sabemos onde vimos. Burela paréceme un señor equipo, para min o que máis me gusta da categoría e hoxe implementaron un ritmo altísimo, estiveron moi ben en todas as fases e custounos moitísimo. Creo que é, a nivel xeral, o partido que máis nos custou”. Segundo David Rial o equipo zaragozano tamén é un dos mellores equipos da categoría, “creo que nin os seus puntos nin o seu xogo fan xustiza á súa posición”. Cunha primeira parte máis igualada aínda que cun Pescados Rubén máis acertado, o equipo laranxa vense arriba tras o descanso sendo notablemente superior ao AD Salga 10 Zaragoza, que contaba coa desvantaxe das dúas baixas, e levándose os 3 puntos cun resultado final 5-2 esta tarde ás 18.30 horas no pavillón Vista Alegre de Burela.

Comeza o encontro atacando o Sala 10 cun tiro fóra e a seguinte ocasión será de Pitero no primeiro minuto de xogo. O encontro mantense bastante igualado, con algunha ocasión para os dous bandos ata que no minuto 4 despois dun saque de banda, Ortego anota o 0-1. Tras algunha ocasión máis de novo para cada equipo Nando empata o encontro tras un saque de esquina rápido que sorprende ao porteiro zaragozano. Mantense igualado o encontro, con numerosas ocasións entre elas varias de Isma, varias de David Pazos e unha de Rikelme no minuto 12, moitas se atopan co bo papel do porteiro do Sala 10, Dani, que fixo moi boa primeira parte. Varias ocasións tamén para o Sala 10, ata que no minuto 19, xusto antes do descanso, tras un bo centro de David Pazos, Pitero adianta o marcador 2-1 para irse ao descanso con algo máis de tranquilidade.

No segundo tempo os primeiros minutos o Burela móstrase xa superior con moitos minutos na portería rival e ocasións, pero tamén un saber estar, sabendo manter a calma e mostrando paciencia ata que no minuto 28, tras unha recuperación e pase de Alberto, Isma anota o buscado 3-1. Tres minutos despois, David Pazos mete un golazo dende fóra da área á escuadra sumando o 4º tanto para o seu equipo. Tras o saque desde o centro da pista do equipo rival, Richi recorta distancias anotando o 4-2 que non asusta ao Burela, xa que a pesar da continuada insistencia do equipo visitante, durante o resto do partido, xogando con porteiro-xogador, o equipo mariñán mantén unha moi boa defensa e logra rematar o encontro 5-2 cun gol final dun moi calmado Isma que entra co balón na portería baleira no último minuto de xogo.

14 partidos de liga sen perder son os que leva o equipo de Rial, desde a xornada 4, sendo a plantilla máis nova, sen contar aos filiais, da competición. O adestrador do Pescados Rubén móstrase moi satisfeito e orgulloso do seu equipo polo gran traballo que están facendo esta tempada e polo rápido e ben que está evolucionando o grupo.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS – AD Sala 10 Zaragoza

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza (P), Pitero, Isma, David Pazos, Eloy, – cinco inicial- Lucho (C), Bruno Expósito, Nando, Rikelme, Alberto, Antón Arnejo, Bruno (P).

AD Sala 10 Zaragoza: Dani (P), Alberto, Rivera, Pescio, Carlos – cinco inicial -, Yera, Richi, Reta (C), Marcos, Ortego, Iván (P)

Goles: Min.4 Ortego 0-1; min.5 Nando 1-1; min.19 Pitero 2-1; min.28 Isma 3-1; min.31 David Pazos 4-1; min.31 Richi 4-2; min.39 Isma 5-2.

Equipo Arbitral: Adrián Calleja Rubio, Gael García Schmid, Eva López Seijas, Borja Moreira Bermúdez.

Exit mobile version