Site icon Crónica3.com A Mariña

Marcapáxinas para os centros de ensino, actuación e obradoiro creativo para render homenaxe a Rosalía en Burela

Burela, 14 de febreiro de 2023. O Concello repartirá nos centros de ensino marca páxinas para celebrar o Día de Rosalía o 23 de febreiro. Esa xornada haberá tamén un obradoiro creativo e unha actuación de Arume.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, contou que “o 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, unha muller poetisa que marcou a cultura de Galicia desde que empezou a publicar as súas primeiras obras. É un día no que en case todos os concellos facemos algún tipo de homenaxe para recordar a súa figura. En Burela xa despregamos unha pancarta na fachada da Casa do Concello, onde se pode ver unha das súas poesías máis coñecidas e parte da súa biografía básica, para que ninguén esqueza nunca a figura desta gran escritora galega”.

O edil burelés explicou que “aparte diso queríamos facer algún acto ese día que escapara un pouco do habitual, por exemplo as lecturas, que poden facerse un pouco engorrosas e ás veces realmente os que len fano para se mesmos porque non se congrega xente. Entón pensamos en dúas cousas que puxeran en relevo a figura de Rosalía doutra maneira. Unha delas enfocada máis a cativos, cun obradoiro creativo que lle chamamos A miña Rosalía; trátase de decorar unha imaxe de Rosalía de Castro utilizando diversos materiais, como plastilina, papel, cores, abelorios, … Está enfocado a nen@s de 3 a 12 anos e farase ese mesmo xoves a través de Gaia. Será na Casa da Cultura entre as 16:30 e as 19:00 horas.

Durante ese tramo horario poden pasarse cando queiran @s nen@s, imos darlles un pequeno agasallo aos participantes e despois todas esas creacións de Rosalía que fagan expoñerémolas durante unha semana na Casa da Cultura para que as poidan ver eles, as súas familias e evidentemente toda a veciñanza de Burela. Para este taller aconséllamos que, por previsión, se chame antes para avisar da presenza no teléfono 982.58.08.67, que é o número de Gaia; hai que chamar polas mañás para deixar o nome e así poder calcular a presenza que pode haber. Pensamos que é algo bastante orixinal e que pode gustar esta iniciativa”.

José Díaz seguiu a relatar que “a segunda actividade que teremos é unha actuación ás 18:30 horas dese mesmo xoves 23 por parte do grupo Arume, de Burela, a cargo da súa sección infantil e xuvenil, que farán unha pequena actuación diante da Casa Concello, onde está despregada a pancarta de Rosalía. Invitamos a que veñan ver esa actuación todos os que lles apeteza. E outra maneira, neste caso musical, de recordar a súa figura, tamén certamente polo vínculo que hai entre a literatura de Rosalía e a música porque moitas das súas poesías e composicións pasaron a ser letras de cancións tamén moi coñecidas dentro da música galega”.

O concelleiro de Cultura engadiu: “e ademais vamos repartir nos CEIP e nos IES marca páxinas cun deseño moi atractivo da figura de Rosalía cunha composición súa. Serán en diferentes formatos, para que neses centros os directores e profesores os deixen nas bibliotecas en concreto. Non queremos que sexa un reparto man a man senón que tod@s @s nen@s que vaian á biblioteca, que é o sitio principal onde se accede á literatura nun centro escolar, poidan coller alí os seus marca páxinas e levar sempre a figura da poetisa con eles cando estean lendo algún libro. Con todo isto apostamos unha vez máis por estes días que se crean para conmemorar, como neste caso a figura dunha escritora que aportou moito á cultura galega, non só na parte literaria senón tamén desde logo no feminismo, coa súa loita pola igualdade nunha época que era complicada neste sentido”.

Exit mobile version